Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao país

Avogado

O tren que nos leva (rá) á outra beira do Miño

A opinión pública galega adoita asistir con escepticismo aos debates sobre infraestruturas, afeita a que as promesas do BOE devalen en eternas demoras administrativas. Porén, o que hoxe se dirime arredor da Alta Velocidade Ferroviaria (AVF) entre Galicia e Portugal non é unha simple mellora nas comunicacións, senón un dos elementos fulcrais da nosa vertebración territorial, por estarmos diante do deseño estratéxico do noso mapa económico para o vindeiro medio século. Galicia non está para xogos nin para permitir que o centralismo madrileño volva conxelar a nosa saída ao exterior.

O estado da cuestión sitúanos ante un paradoxo histórico. Mentres o Goberno portugués de Luís Montenegro (canda os anteriores gobernos socialistas) amosa unha determinación inequívoca, fixando o horizonte de 2033 para conectar Lisboa e Porto con Vigo, o Ministerio de Transportes en Madrid arrastra os pés na tramitación da necesaria Saída Sur de Vigo. Lisboa entendeu perfectamente as regras do xogo global: a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal constitúe un espazo humano e industrial integrado, que soborda os 6 millóns de habitantes e onde se concentra o 70% do PIB luso. Para Portugal, a prioridade é o Eixo Atlántico; para Madrid, a prioridade segue a ser o modelo radial que alimenta a súa propia centralidade, presionando para postergar o noso tren en beneficio do AVE directo Lisboa-Madrid por Badaxoz. Velaí a claridade antigalega coa que se pronunciou Díaz Ayuso nun mitin en Vigo, na campaña das nosas eleccións de 2024.

Os riscos no horizonte son graves e inmediatos. O perigo real non é que Portugal non cumpra os seus prazos, senón que as súas vías rápidas de última xeración morran a 60 kms da fronteira de Valença porque o Estado español non dea rematado o túnel de Urzaiz nin a conexión co Porriño. Se a Saída Sur non se licita e executa con urxencia, Galicia ficará desconectada non só da AVF con Portugal, senón do grande Corredor Atlántico de mercadorías, a conectarmos co resto da Europa, condenando ao noso tecido industrial -dende a automoción de Stellantis até o sector naval e loxístico- a unha perda irreparábel de competitividade. Non podemos permitirnos ser o vagón de cola da Iberia toda por mor da rapacidade e incompetencia que definen de seu ao centralismo unionista español.

Diante desta ameaza, cómpre unha resposta contundente e coordinada. O País debe erguer unha mobilización transversal que supere as estériles liñas de fractura partidista. Empresarios, sindicatos, universidades, concellos, Deputacións e a propia Xunta de Galicia han esixir reciprocidade e investimentos inmediatos. Portugal xa puxo a velocidade de cruceiro e elixiu Galicia como o seu socio preferente no norte; se Madrid bloquea esta alianza por teimar nunha visión peninsular concéntrica, a resposta galega ha ser de firme esixencia xurídica e política. Xogámonos a supervivencia económica do noso motor industrial e o dereito a mirar a Europa de fronte e por nos propios.

A arrincadeira.- Falar galego coas portuguesas; falar portugués coas galegas. Sen dúbida moitos adoitamos ficar pampos diante de fenómenos tan pouco naturais como que as persoas visitantes de Portugal nos falen castelán ou que nos propios nos dirixamos en castelán ás persoas portuguesas cando vistamos o seu país. Velaí a aquelada campaña que a Asociación Galega da Lingua (AGAL) que preside Eduardo Maragoto está a desenvolver nese senso, dirixida ás visitantes do país irmán. Mais cumpriría tamén que outras entidaes organizasen a recíproca dirixida aos nosos compatriotas que visitan Portugal, como ven de escribir Xosé González, presidente do Foro Peinador.

TEMAS

Tracking Pixel Contents