Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao país

Avogado

O fútbol galego como ben común

A opinión pública coruñesa e galega asiste con fonda preocupación ao progresivo distanciamento entre a dirección do RC Deportivo e a súa masa social. O enfrontamento polas novas condicións da bancada de Marathón Inferior-de moi dubidosa legalidade atendendo á lexislación de consumo- e a suba de tarifas non constitúen serpes de verán nin un simple desacordo por razóns da orde pública. En realidade estamos diante da manifestación local dunha tensión global: o choque frontal entre a corporativización dun fútbol privatizado e a resistencia dunha identidade comunitaria que rexeita devalar nun frío activo financeiro.

Este conflito insírese de cheo nun contexto internacional de hiper-mercantilización esporeada polas elites da FIFA e da UEFA, trasladada dende logo á LaLiga que preside o extremista Javier Tebas. A guerra polo control dos calendarios televisivos e iniciativas como o macro-mundial de clubs do presidente da FIFA Gianni Infantino teñen como nidio obxectivo substituír a afección de bancada por unha clientela submisa e global. Baixo este foco puramente mercantil, o seareiro tradicional que viaxa, canta e protesta é visto como un elemento incómodo que cómpre «pacificar» a medio de normativas de control pouco respectuosas coa liberdade das persoas e a identidade das equipas. Na Coruña estamos diante da aplicación desta mesma lóxica empresarial, esquecendo que o valor fulcral do club non reside nos balances contábeis do accionista maioritario, senón nos máis de vinte e cinco mil socios que sostiveron a entidade na lameira da Primeira RFEF.

Fronte esta cosmovisión do fútbol, pensada cada vez máis para o consumo das elites (incluídas as novas elites árabes e chinesas) a identidade coruñesa e galega funciona a medio de dique de contención. O Depor e o Celta vertebran este país, Galicia e cadansúa masa social posúe unha cultura cívica de moi sinalada autoafirmación nacional. A fidelidade a unhas cores opera baixo as regras da economía do afecto: un cidadán non pode mudar de club porque iso suporía traizoar a súa propia memoria. Nacemos do Depor ou do Obra e seremos sempre do Depor ou do Obra.

Cando os Riazor Blues, Old Faces ou a Federación de Peñas deportivistas erguen a voz, actúan como gardiáns dun patrimonio inmaterial que lle per tence á cidade e a este país. O fútbol galego sempre foi un espazo de cohesión social e orgullo local e nacional. Converter o Depor nunha sucursal dun grupo financeiro desposúe á nosa cidadanía dun dos seus principais referentes colectivos. Compre agardar que o sentido común dos xestores do club e dos directivos do seu accionista maioritario entendan axiña isto e tendan pontes axiña coa masa social que termou do club nas épocas escuras.

Semella, porén, que existen outros modelos na Unión Europea. Ollemos cara ao espello da Bundesliga. A regra alemá do 50+1 demostra que outro fútbol é posíbel: alí, por lei, os socios reteñen a maioría dos dereitos de voto, impedindo que ningunha corporación fixe prezos abusivos ou destrúa a tradición. Velaí os 180 € (17 xogos a 10,58 €/partido) que custará o bono do Bayern München para ver todos partidos de casa nesta tempada que comeza. Porque, como di o antigo xogador e presidente do club bávaro Uli Hoeness “...na Alemaña o fútbol é para todos” .

Cómpre, xa que logo, abrirmos o debate xurídico e político para reformarmos substancialmente o réxime xurídico das Sociedades Anónimas Deportivas e da súa Liga profesional e garantir por lei a presenza de afeccionados e peñas nos órganos de administración. Ao tempo que estudar a posibilidade de empregar a lexislación galega do patrimonio cultural e do deporte para blindar como ben de interese cultural as nosas grandes institucións deportivas. Porque o Depor- e o fútbol galego en xeral- non són só nin nomeadamente un negocio privado, senón un ben común que cómpre protexer.

Tracking Pixel Contents