Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Tribuna

Míriam Louzao Fernández

Míriam Louzao Fernández

Concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela cidade de acollida, hoxe e sempre

Cruzo a praza do Obradoiro, cara ao Pazo de Raxoi, e fronte á Catedral congrégase un grupo de turistas con auriculares escoitando as explicacións dunha guía. Aínda non son nin as nove da mañá. Penso no esforzo destas persoas viaxeiras que se levantaron a primeira hora para visitar, e admirar, un dos lugares máis emblemáticos de Occidente. Penso nese desexo xenuíno e auténtico de viaxar e coñecer mundo que nos move á maioría dos seres humanos.

Eu son das que pensa que o mundo comeza no limiar da propia casa e que quen temos a fortuna de que o mundo comece en Compostela vivimos o paradoxo de habitar unha cidade destino e unha cidade orixe ao mesmo tempo.

Por iso presumo, e con orgullo, da condición de Santiago como cidade hospitalaria e de acollida. Fágoo no plano persoal e no plano político, como concelleira de Turismo, de Memoria e de Capital Cultural. Tres áreas desde as que hai moito que dicir, e facer, para unha correcta proxección de Santiago de Compostela no resto do mundo.

Desde o Goberno da capital do país traballo, traballamos, para que as persoas que chegan aquí gocen do noso patrimonio, da nosa cultura e da nosa historia desde o coñecemento e o respecto. Que saiban que en agosto poden gozar, cóbado con cóbado con calquera veciña compostelá, dos concertos do Festival Feito a man nas prazas da Cidade Histórica. Que en outubro poden coñecer a nosa edición e a nosa literatura na carpa da Selic na Quintana. Que en novembro temos un dos festivais de cine máis senlleiros do país, Cineuropa. Que os xoves poden gozar dos concertos da Real Filharmonía de Galicia e que calquera día do ano poden percorrer as nosas sendas fluviais e os nosos magníficos espazos verdes, con sol ou chuvia, igual que facemos as persoas que vivimos aquí.

Manter os espazos, o patrimonio e a programación cultural sen renunciar a nosa identidade non só é un traballo, é tamén unha forma de posicionármonos e de posicionar Compostela.

Como tamén o son todos os esforzos estamos facendo para que o aeroporto Rosalía de Castro teña, a día de hoxe, a maior conectividade global da súa historia. Para visitantes e para residentes. Ou a implantación do imposto ás estadías turísticas, entendido como unha ferramenta social para equilibrar os custos para a veciñanza. Ou o programa de creación de novas experiencias turísticas que pronto verá a luz e que ofrecerá novos recursos para que as persoas visitantes teñan incentivos para saír da améndoa da cidade. Ou a promoción do turismo de negocios e congresos, que ten, nesta cidade universitaria e con centros de investigación pioneiros, aínda moita marxe de crecemento. Ou as visitas guiadas ao Pazo de Raxoi que permitirán poñer en valor a memoria que atesoura a “casa” de toda a veciñanza, con especial mención á Falcona, o cárcere que o réxime franquista instalou nos baixos do edificio, para conectalo coa historia doutros elementos icónicos da cidade, como é a estatua das Marías, para que todo o mundo saiba que Maruxa e Coralia Fandiño non son unha foto, son dous referentes de loita e dignidade.

Traballamos, en definitiva, para que a nosa benquerida Compostela, hoxe e sempre, siga sendo unha cidade acolledora e aberta, mais tamén xenerosa, universal e innovadora.

Tracking Pixel Contents