Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Negro sobre branco

Doutora en Economía

Volvemos a empezar

Volveu o noroeste. Volvemos escoitar, nomeadamente nos medios de comunicación madrileños, que somos o Noroeste. Xa había ben anos que esta denominación de referencia á cardinalidade xeográfica tiña desaparecido da esfera pública. “Eramos” o noroeste en tempos do ditador, mesmo con aquel rexoube de “reina un fresco xeneral procedente do noroeste” que alguén sacou a pasear en “La Codorniz”. Seguimos así até a época das autonomías, pasamos á comunidade autónoma. A continuación de comunidade, chegamos a ser só autonomía. Despois veu iso de país galego. Seguiu a denominación de territorio e, agora de volta, noroeste. Calquera das denominacións foi compatíbel con “rexión” que se foi usando nas distintas épocas por quen cadrar. O que a ninguén se lle ocorreu en Madrid foi unha denominación acaída á realidade política da entidade: nación galega. Diso non se pode falar, que está prohibido pola relixión de “una, grande y libre” que deixou pouso indelébel, sobre todo nos que necesitan crer nun tamaño vinculado á dimensión territorial -como no feudalismo ou no imperio- nunha unicidade baseada na uniformidade e nunha liberdade que se me escapa de onde se pode pendurar para entendelo. Volvendo ao principio, que significado ten chamarlle a unha nación como a nosa Noroeste? De entrada, a primeira constatación é que, se somos noroeste, alguén está no centro da rosa dos ventos. Por tanto, a posición relativa lateral, extrema e na esquerda leva aparellado un metasignificado de extremidade, alonxamento, esquina, periferia... É dicer, connotacións todas elas negativas a contrastar coa centralidade de quen non está neste extremo. E “máis pior”: a identificación cunha característica puramente posicional relativa vale para xustificar deficiencias e desigualdades, cunha única orixe no asentamento, que non é mudábel. Se o centro está en Madrid e nos guiamos polos puntos cardinais sobre un mapa plano da península ibérica, certo que Galiza cae contra o noroeste. Mais se mudamos a unha representación da terra nun globo terráqueo que nos aproxime á situación de Galiza con respecto a outras nacións do Estado ou con respecto a Madrid, a denominación xa non é tan gráfica, porque Madrid non cae no centro e a denominación con referencia aos puntos cardinais só españois perde sentido. Este uso é tan relativamente caprichoso que non garda relación histórica con ningún dos “centros” creados nos estados europeos do noso entorno. Francia ten a súa capital -convertida politicamente no centro- nunha boa esquina do noroeste do que chaman Hexágono. O Reino Unido fai igual con Londres no sur, que noutros sitios se identifica co pobre. En Italia, cadroulles que Roma tampouco está no centro xeográfico dun mapa plano. O mesmo en Austria, idem en Alemaña, Noruega, Suecia; e, se no seu tempo, Felipe II tivera andado máis fino, o centro sería Lisboa, e non Madrid. Resumindo, Noroeste non significa nada como denominación política, e si como uso deturpado dun nome para se orientar coa búsola de explorador ou, hoxe, cunha aplicación desas tan orientativas que mesmo din rúa Carlos i, i, i, ou N raia v uno ( N-VI, tamén tivemos pouca sorte con iso)

Pero hai aínda un trato pior. Agora o Noroeste pode abranguer en mapas meteorolóxicos o norte enteiro desde Fisterra a Irún. É imposíbel, aínda facendo unha gran forza de vontade poder falar das mesmas condicións meteorolóxicas de Galiza, Cantabria, Asturias e Euskadi, agás que só se diga que é distinto que en Madrid ou que só conte como normal o tempo madrileño, e as outras características, como anomalías. E isto só para falar do tempo.

Tracking Pixel Contents