El Correo Gallego

Opinión » Cartas al Director

Sabela Canedo . A Coruña

Sentidiño común

05.08.2009 
A- A+

Chámome Sabela, teño 14 anos e teño dous irmáns de 10 e 8 anos. Os tres temos asma aguda e crónica. Ata hai tres anos tiñamos moitos problemas cos catarros e coas alerxias e un médico aconsellounos aire do mar e moito sol. Pero a nosa familia é de terra adentro, digamos de Ardebullo.

Un día miña nai dixo "xa que agora os libros son gratis e voso pai e mais eu imos a deixar de fumar, cos cartos que aforramos alugaremos no mes de agosto un apartamento na praia". ¡Que resultado! En tres anos apenas nos deu a lata o asma. Gañamos en calidade de vida e eu coñecín un rapaz, Alberte, e gustámosnos moito. Hai uns días dixonos mamá: "Non podemos ir este ano ao apartamento da praia, pois hai que pagar os libros e ademais este ano puxéronnos moitas multas, e hai que pagalas". Eu protestei e preguntei o porqué e miña nai contestou: "Porque somos ricos, gañamos 21.000 euros brutos o ano e non temos dereito a gratuidade dos libros e en canto as multas, non fan máis que multarnos por ir a 50 e pico en sínais de 50". Non é xusto, non estou de acordo coas leis, a familia dunha amiga miña ten un bar no que traballan todos pero só declara 20.000 euros e teñen dereito aos libros, e ademais teñen cochazos e chalé na praia. Miña nai é comercial e depende do coche e ten que apurar moito os tempos para chegar ás citas e xa leva tres multas.

Meu pai ten unha Berlingo, que non pasa de 80 Km/h e xa leva 4 multas. Agora cando atopa un sinal de 50 frea en seco ata conseguir o que a lei quere (moitas veces os sinais están tapados coa matogueira), xa lle deron dúas veces por atrás. Xa fixo un letreiro-pegatina con este escrito: "Perdoe as molestias, agotado orzamento de multas".

A meus pais gustáballe moito tomar unha cervexa ou un viño, despois de unha longa xornada de traballo. Agora non poden, nin na casa, pois existen moitas posibilidades de que eu ou meus irmáns teñamos unha crise de asma e nos teñan que levar ao centro de Saude. Alberte tampouco vai a ir a praia, pois os seus pais tiñan unha inmobilliaria e quedaron sen traballo. Non hai mal que por ben non veña, así podo ver a Alberte no mes de agosto, que é dun concello do lado. Son unha futura votante, gustaríame que lles esixisen aos políticos un cursiño de Ética e Moral e ademais un curso de Sentidiño Común, que é o menos común dos sentidos.