Jueves 17.10.2019 Actualizado 09:34
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{tribuna libre}

FCO. MARTÍNEZ BOUZAS

25 anos de ‘La lluvia amarilla’

08.08.2013 
A- A+

TRANSCORRÍA o ano 1988 cando un narrador novo daba ao prelo a súa segunda novela, La lluvia amarilla que consagraría a Julio Llamazares como un dos máis importantes narradores da recente literatura española. A novela, a máis lida e traducida do escritor leonés, é unha verdadeira xoia da literatura española do pasado século; unha novela de culto, unha narración poética que ennobrece a un idioma. Con motivo do vinte e cinco aniversario da primeira edición, Seix Barral acaba de publicar unha excelente edición conmemorativa que inclúe un limiar do mesmo autor e un DVD documental, Ainielle, coa intervención de José Sacristán, o escritor e con escenas da adaptación teatral que convidan, máis unha vez, a perdernos neste presado de historias de soidade, abandono, loucura e morte.
Tense escrito que a obra de Julio Llamazares é un gran dicionario da soidade. Pola miña parte, ousaría afirmar que La lluvia amarilla é o calidoscopio que a reflicte e proxecta de xeito simétrico e axigantado ata o infinito. Porque o abandono, o desamparo, a tolemia e a morte, entre ese vento maino que vén do río e asolaga coas amarelas follas de outono a aldea deserta do Perineo aragonés, e o conxela coa eterna albura da neve invernal, teñen nesta novela a máxima expresión, un verdadeiro paradigma convertido en arte literaria.
O derradeiro morador de Ainielle, Andrés de Casa Sosas, personaxe-narrador, achéganos, ás portas da morte e nun impoñente monólogo, a esas historias de desolación e loucura. Na súa casa de Ainielle, enlagada a súa memoria na bategada amarela de follas caídas no outono, na xistra xeada que ateiga o lugar de silencio e desamparo, e no po e no óxido dos anos, constrúe, sobre a memoria, as pesadas paredes do esquecemento. Novela, de por parte, que aborda moitas cousas esenciais: o universo rural e o seu abandono, o fluír inexorable do tempo como un río á vez equívoco, melancólico e impetuoso, o mito dos espectros do pasado, a irrevogable condición social do ser humano. E faino, Julio Llamazares, botando man dunha formidable carga alegórica que nutre todo o contorno narrativo sobre todo de amarelo, e orlando as páxinas do libro cunha verdadeira greca lírica, un estilo de prosa moi ricaz e elaborado que incitan de novo a súa lectura.

Crítico literario