El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

os outros días

ALFREDO CONDE

Actitudes para abandoar os tempos de ética indolora

09.07.2006 
A- A+

Vivimos tempos que ó finado de Luis Mariño defineu de ética indolora. Son tempos ocupados por mentes que lles diriamos fosfóricas, pois brillan na escuridade e non alumean en absoluto. Na nosa sociedade os cambios de actitudes sucédense ó par dos acontecementos e o que onte foi desbocada ledicia é hoxe rigorosa e crítica análise dunha realidade que mañá pode ser xa outra. As mentes fosfóricas analísana de contado e ofrécennos as súas elocuentes deduccións. Así unha vez tras doutra.

Recordan a última efervescencia nacional vivida? Vivéuse ata hai uns días. Exhalou o seu derradeiro alento según a Francia lles zoscou un tres a un á roxa, á selección nacional española de futbol. Ó día seguinte, as mesmas e analíticas voces que sinalaban marabillas, tornaronse xeremiacas e críticas cunha versatilidade contaxiosa. Algo pasa neste país. O qué, saberano vostedes. Eu non, dende logo. Pero o certo é que percibímolo todos.

O que sucedeu co fracaso da selección de futebol é ilustrativo do que acontece cos máis dos temas que tratamos. Cando isto escribo, o pasado día de San Pedro e San Paulo, as actitudes verbo do novo Estatuto de Galicia eran ou se anunciaban unhas, pero moito me temo que, cando estas liñas sexan lidas, poidan ir sendo xa outras. Tal e tamana é, xa que non a intromisión dos partidos centralistas, que é lóxica, esperable e mesmo de desexar, sí a súa prepotencia chegada a hora de dicir algo que eles consideiran oportuno; é dicir, ata eiquí demos chegado. O caso é que é de sospeitar que quererán exemplificar outra vez a conta nosa e coutar eiquí as arelas que non deron coutado noutros e precedentes trámites estatutarios.

Cál deberá ser a nosa actitude? A máis egoista posible. A España Autonómica desenvolveu o Estado dun xeito que históricamente non se recorda e ós galegos sirvéunos pra que os máis de nós xa non recordemos de qué mundo vimos, nin quén eramos hai trinta anos, pois tan grande é a distancia recorrida.

Cabe entón sospeitar que haxa que afondar nos estatutos de autonomía, en todos, no noso tamén, dada a nosa condición de nacionalidade histórica xa recoñecida e a de nación por recoñecer.

Sexamos egoistas, afondemos no noso Estatuto o máis posible, ata a xusta linde que marca a Constitución e como xa fixeron outros. Hai que abandoar a ética indolora, o brillo que non alumea, as actitudes que nos sinalan outros e nós, adoito, adoptamos cheos dunha obsecuencia baldía e desesperanzadora.

ac@alfredoconde.com