El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

os outros días

ALFREDO CONDE

Os lindes da nosa literatura

07.02.2010 
A- A+

O tema espernexa coma un polbo ó que lle pegaran unha trabada no cabezón inorme que lle corresponde a animal tan intelixente coma il; coma iste cefalopodo que ter terá os pes na cabeza, pero non a cabeza nos pés. Enténdase. O tema que espernexa e do que non se pode dicir mortus est élles o das declaracións do conselleiro de cultura, tan criticadas por todos nós, as xentes do libro, os letraferidos, que diría un poeta de Madrid, amigo meu. Ou como diría Reixa, Don Antón, nada que ver co Pirulero, estamos en guerra, hai que reflexionar. Ben ou mal, pouco ou moito, fagámolo.

É certo que a cultura galega, con ela a nosa literatura, ten lindes; límites, se o prefiren. Non é porque estea eu diante, pero os escritores galegos choutamos por riba deles. Nunca se traduciron libros de nós a linguas tantas como están sendo traducidos hoxe. Sen embargo as lindes están aí. Carecemos dun número de habitantes que sosteñan debidamente o noso sistema literario. Non dispomos dunha sociedade civil implicada no choio este de nos desenvolver a nós mesmos a partires da cerna da nosa realidade. Cometemos errores dos que, se resta espazo, falaremos hoxe, senón mañá. Item máis e mutatis mutandis, isto é aplicable ó resto da nosa actividade artístico-cultural.

Quere isto dicir, primeiro, que sí hai lindes e que, se queren que o digamos ó enxebre, a nosa realidade cultural está alindada, mesmo coutada, polo seu propio entorno, pero non por ela mesma, que é o que se desprende das desafortunadas palabras do señor conselleiro de cultura. É verdade que a nos realidade cultural ten lindes. Pero o que non é, o que non pode ser a nosa cultura, diríase que ningunha outra cultura, é limitativa. Non pode selo ningunha cultura cabal, e a nosa éo. ¿Ou seica non?

Pero se o fora, que non o é, a persoa menos indicada pra recoñecelo sería a responsable de asentar a súa estructura legal, administrativa e mediática, de asentala e vendela, promocionala, regulala nos aspectos que sexan regulables, pra dicilo rápido, e moito menos indicada se, aínda por riba, o tal en cuestión é diplomático de oficio Por eso, acaso, o primeiro que debería facer o señor conselleiro, pra demostrar que non ten a cabeza nos pés, é disculparse, dicir equivoquéime, eiquí non pasa nada, sentémonos, falemos e vexamos de facer a cousas polo dereito. Coido que ninguén se negaría a falar con il a modo das cousas que a todos nos preocupan porque, no fondo, todos sabemos que algunha razón si que a ten. O que sucede é que non resta espazo e deso teremos que falar mañá, se chegamos alá, gañas non nos faltan, pero xa se sabe que somos continxentes e que estamos sometidos a designidos que non dependen de nós.