El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

notas de actualidade

HELENA VILLAR JANEIRO ESCRITORA

Carta para Avelino Abuín de Tembra

06.03.2009 
A- A+

Prezado amigo e irmán en Rosalía: Andan as ameixeiras na flor. As da túa Bouza, nunha pequena lomba de Laíño, puideches velas a última mañá que miraron arredor os teus ollos de terra. E andan niso tamén as da nosa horta de Abuín, bonita aldea que ten o teu nome e o pouso literario de Castelao. Están irmandadas por ti e polo Suso en tempos invernais, mais xa preludiando a primavera, cando ti recollías esterpes e pugas e el os insería con habelencia como nunha lección de anatomía.

Andan as ameixeiras na flor e hoxe os hortos parecen estampas da delicada arte xaponesa, semiespidos aínda pola sobriedade da invernía e afastados da excesiva color que lles vai traer a plena primavera na sinfonía dos paxaros. A despedida da flor das ameixeiras é un símil da vida: axiña será substituída polo froito. Espero xa con ansia esas ás que ti chamas "cirigüelas" para che ofertar unha presiña na ara da amizade, recordando que os teus froitos quedan ben sementados.

Neste tempo de branca floración e despedida gustaríame crer na transmigración das almas e saber que o teu espírito está renacendo como puga nova no corpo dunha criatura que vai abrir os teus ollos outra vez. Pero ti sabes que os poetas -élo moi estimable- podemos ir tirando tras dun fío que nos leva a rexións nas que non cremos a nivel consciente e nin sequera aceptamos con vontade. Por iso en calquera recanto do país dos mil ríos estarás dándolle o inicio a outra vida que se ha distinguir por todo aquilo no que ti destacaches desde sempre: o amor e a fidelidade á lingua e á cultura de Galicia, e á figura que mellor encarna estes valores de noso, Rosalía de Castro.

Máis ou menos por este tempo de ameixeiras en flor escribías hai dous anos mentres falabas coa Poeta: "Esta árbore que sorrí aos pouquiños mentres descende un vendaval de medos/ é sangue do meu sangue que unha mañá esquecerá a dor do legoeiro/ que soubo xuntar lábaros e bandeiras nas almeas do teu castelo. Quixeches ser e fuches, Rosalía, unha sementeira no agro de todos os anhelos,/ quixeches ser e fuches unha perspectiva de esperanza para os nacidos do seu seixo,/ quixeches ser e fuches vínculo e cohesión para o camiño, a ruta e o traxecto".

Neste tempo de ameixeiras floridas e de adeuses recibe o meu desexo para ti, amigo sempre e irmán en Rosalía: sit tibi terra levis.