El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ NOTAS DE ACTUALIDADE }

HELENA VILLAR JANEIRO

Catrineta

20.09.2013 
A- A+

"LÁ vem a Nau Catrineta/ que tem muito que contar!/ Ouvide, agora, senhores,/ Uma história de pasmar". Así comeza o poema Nau Catrineta de Almeida Garrett, lenda dun país de mariñeiros virado ao mar e ao mundo. Catrineta: Conserveira de Compostela, é un establecemento doutro país de mariñeiros que acaba de abrir na antiga tenda de Ultramarinos Recouso, Tenda de Baldomero ou Tenda de Aurelia na rúa de Altamira fronte á praza de abastos. Está tamén virada ao mar e ao mundo. O ultramarinos familiar creado en 1953 foi a miña primeira tenda compostelá e alégrame que, ao renovarse, a continúe un establecemento que aproveita a experiencia da familia Recouso para manter a tradición do comercio de proximidade adaptándoo aos novos tempos coa mellor fórmula posible: a especialización.

Galicia é un país de mariñeiros que sacan das dúas costas un produto do mellor. Tamén de mulleres e homes que apañan nas ribeiras os prezados mariscos. As nosas augas mariñas son unha benzón para o consumo dos magníficos froitos que elas crían xuntando tamén a tradición de os conservarmos secos ou en lata. A historia de prolongar a duración do peixe capturado en Galicia empezou pola salgadura e o secado na época romana (congrio de Muxía) e a conservación enlatada que naceu a finais do século XIX. Esta industria converteuse nunha das máis importantes fontes de ingreso nas zonas costeiras, xerando postos de traballo para as mulleres que completaban con esta actividade a precaria economía familiar. Catrineta recolle esta tradición para poñer o resultado á venda apostando pola calidade cunha escolma de conserveiras galegas de pequeno tamaño, que traballan de xeito artesanal, con coidada produción e materia prima do país.

Cunha imaxe renovada e atractiva, mostra nos anaqueis unha gran variedade de conservas tanto polo peixe ou marisco como polo xeito da súa preparación. E o que é máis importante nunha época economicamente debilitada, para todos os petos. Sendo delicatessem, ten produtos axeitados para todas as carteiras. Galicia debe agradecerlle tamén a Catrineta que, na súa aposta pola calidade, presenza atractiva e radicación no país, teña elixido o galego como lingua de comunicación, tanto na tenda como na súa difusión on line. Augurámoslle ao novo establecemento moitos anos de auténtica prosperidade.

Escritora