El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{OS OUTROS DÍAS}

ALFREDO CONDE

O cine de Rubén Riós

07.05.2010 
A- A+

COÑECÍN A RUBÉN RIÓS. Un dos actores protagonistas da película de Ignacio Vilar da que lles falei hai uns días. Refírome á titulada Pradolongo, que tanto me gustou. Tanto como pra falar dela en términos tan eloxiosos que algúns os consideiraron excesivos. Así que, por un se acaso, volvín vela. Cousa sinxela, metina no lector de DVD's e santas pascuas.

Agora reafírmome no dito. É unha gran película. E unha máis que boa, que moi boa, a intrepretación dos seus protagonistas, daquela a penas uns rapaces, sabiamente dirixidos polo Ignacio Vilar que eu recordarei sempre facendo voar paxariños de papel na praza do Obradoiro pois así e non doutro xeito élles a vida dos creadores galegos. Esta de facer revolotexar paxariños de papel ó pe mesmo das grandes catedrais, dito sexa sen ánimo de ofender.

Por conta do artigo, da película e dun par de azares máis que non veñen agora ó caso, coñecín a Rubén Riós, xa menos rapaz do que aparece no filme, máis feito, máis cumprido e cabal, pero dono da mesma forza e, ó tempo, dono tamén dunha capacidade de se ilusionar co seu oficio que eu non lle supuña. Como unha doa enxerga noutra e acaba por completar un misterio, igual que sucede coas do rosario en familia, acabo de ver dous cortos cinematográficos dirixidos polo que eu supuña actor en ciernes e resultou ser tamén un director xa feito, o tal e rapaz este, o Rubén Riós. Fálollles de Adeus Edrada? e máis de Coser e cantar, as dúas cintas da súa autoría.

Teño pra mín que o máis difícil de acadar chegada á hora de contar unha historia, calquer historia en calquer soporte, sexa este oral, literario ou mesmo icónico, expresada, neste caso, en imaxes que poden ser debuxadas pero tamén e fundamentalmente cinematografiadas, o menos doado é o dominio do tempo narrativo. Pra conquerilo é preciso harmonizar ese tempo có ritmo, co compás, que algúns confundirán con aquel pero que non lles son a mesma a cousa, coido eu. Por iso, á parte do interés que cada unha das historias poida espertar nos distintos espectadores, hai que valorar se ese tempo está acadado ou non. Se sí, o seu autor tamén o está prá dirección de calquer historia sometida ós servidumes da longametraxe.

Élles o caso de Rubén Riós, según entendo. Outra cousa é que eu preferise cas historias rematasen doutro xeito, pero iso ten explicación: servidor escribe historias, por unha banda, e, por outra, xa non resta espazo pra maiores reflexións, así que deixarémolo pra mañá. Se queren ir sabendo algo, vaian fisgando en www.coserecantar.com e http://adeus-edrada.es.tl/ e á volta xa me dirán algo.

Escritor, Premio Nadal

e Nacional de Literatura