El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

os outros días

ALFREDO CONDE

Cousas da fe e a verdade histórica

28.03.2010 
A- A+

Hoxe andei a ler un libro recén editado por Alvarellos e mailo Consorcio de Santiago. O seu título é un pouco longo, pero aí lles vai: Apuntes históricos sobre Santiago. Obra dispersa y olvidada, 1868-1903. Antonio López Ferreiro. Un libro co que se pretende conmemorar o centenario do pasamento do ilustre e moi carlistón coengo compostelán. O que eu lin, lese moi ben.

Os libros de historia, máis se tratan da historia da capital galega e dos monumentos que nela ocupan un espazo non só artístico senón mesmo relixioso, tamén histórico e se me apuran -non moito, que non fará falla- espiritoal, poden ser lidos dende moi diversas perspectivas; unha delas, a da fe; outra, a que proporciona a beleza artística ou documental, que tamén existen; mesmo a perspectiva histórica merece unha atenta lectura que, pra completar de todo, de todo, a paisaxe do lector ávido e curioso, pode ser levada a cabo tanto dende o ponto de vista do meramente eclesiástico, como do historiográfico ou do propio dun positivismo a ultranza, pois tan variados se amosan ademáis do propio texto as curiosidades que a cada lector nos movan.

Unha persoa de fe deleitarase coa historia que narra os pormenores vividos polo sepulcro do Apóstolo, malia que un historiador mediamente rigoroso non ha disfrutar moito coa narración feita ó redor deste tema, propio da fe, máis que da verdade histórica. E así sucesivamente. Pero seremos moitos, a maioría, os que fagamos unha lectura proveitosa desta escolma de textos esquencidos, si, pero aínda tan útiles e gozosos como cando foron escritos.

O certo é que debera ter ben lido máis páxinas do libro das que levo debullado, pero xa saben desta miña teima, diríase que habitual, malia que a transgredise onte mesmo co libro de Juan Cruz, un libro do que lles falei unha vez que o tiven debidamente concluido. O non facelo así éo en razón dunha teima que se debe, nin máis, nin menos, que ó afán de lles comunicar o goce de ler cando estou mergullado nel e teño medo a que, en páxinas sucesivas, o goce se me veña embaixo e acorde non lles dicir nada. De facelo privariaos desas páxinas que a mín me valeron. Neste caso non dende o ponto de vista histórico, qué lle imos facer, nin dende o dese don que Deus concede de balde a certas almas, pero non á miña, qué lle imos facer, tamén, porque carezo da fe que me faga crer nunha lenda, pero si na beleza da inventio na que se asenta. Pois iso, e a introducción de Xosé Ramón Fandiño, exemplo de dedicación e rigor, de labor calado e efectivo, propio deses sabios anónimos nos que tantos que o son menos, menos anónimos, enténdase, apuntalan a súa propia ou así consdeirada sabedoría. É iso élles o que hai.