El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{la opinión }

JOSÉ ÁNGEL DOCOBO

Disfrutar o presente preparando o futuro pero sen esquecer o pasado

07.05.2012 
A- A+

Compre comezar dando os parabéns a Xunta Directiva de Obradoiro CAB polo dobre éxito de ascenso e permanencia. Toda xestión é mellorable, pero hai que estar aí. De seguido, a equipa e corpo técnico fundamentalmente por non perder a fe nos momentos mais difíciles, por transmitir ilusión e por dar sempre todo de seu. Da afección coido que xa está todo dito. Leva tres anos dando exemplo. É un respaldo anímico imprescindibel que mina a moral do contrario desequilibrando en momentos clave.

Persoalmente síntome ledo ó ver que aquilo polo que tanto temos loitado e que semellaba unha quimeira para moitos, vaise consolidando os poucos. O ingreso na ACB hai dous anos fora cruel. Non houbo posibilidade de planificar nada. Entrada en xullo logo de dous meses de negociacións durísimas, confección da equipa en agosto e xa liga en outubro. Non se sabía se habería cartos para cubrir o orzamento e ninguén, probablemente por medo ó descoñecido, quería incorporarse a Xunta Directiva.

Ainda así, a equipa foi competitiva ata que a lista de 14 lesionados impediuno. Teño tamén a sensación de que o nivel xeral da competición era entón superior, e que, por suposto, agora o entorno foi moito menos belixerante.

Todo elo non resta en absoluto méritos a equipa actual nin moito menos. Compre disfrutar do momento. Logo da conversión en SAD, entendo que o club debe entrar dunha etapa de normalización, nunca fácil aquí, pero sempre sen esquecer o pasado recente. Tamén no vello Sar víanse cartaces co OBRADOIRO FOREVER, pero o certo é que cando as cousas viñeron mal dadas, o 90% da masa social deuse de baixa, e logo cando falar de OBRADOIRO estaba moi mal visto, e peor ainda defendelo e representalo, poucos atrevéronse a dar o seu apoio para tentar chegar ata aquí. Formamos parte dun club singular que de repente pasa das catacumbas a falar de ouro a pesares de que o único metal ó que de momento podemos referirnos é o bronce daquela Medalla de Galicia que en 2002 a Xunta tivo a ben concedermos cando as sentezas comezaban a ser firmes.

Nos vindeiros meses agardo poder rematar o amplo relato dos nosos 18 anos de xestión ó fronte de OBRADOIRO, onde estou incluindo todos os detalles, esforzos e estratexias que houbo que poñer en práctica para acadar resucitar ó OBRA. De momento, a miña noraboa a todos polo importante éxito acadado que pon en valor de novo ó baloncesto galego.

Presidente de Honra do Obradoiro CAB