El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

de todo un pouco

XOSÉ NEIRA VILAS

Dous Porrúa en América

09.08.2015 
A- A+

MENCIONAREI primeiro a José Porrúa Valdivieso (Corcubión 1822 - Cienfuegos, Cuba 1913). Era avogado. Non sabemos cando chegou á illa, pero si a que se foi para aquela cidade do centro-sur en 1867. Desempeñou diversos cargos públicos e foi asesor do Xulgado de Guerra (durante a primeria guerra cubana pola independencia, que durou de 1868 a 1878). A partir de 1872 foi alcalde daquela cidade e deputado provincial, elixido en 1879. Un ano antes, 1878, xunto co santiagués Domingo Devesa Naveiro, xastre e autor dun Método de corte para sastres, fundou o semanario El avisador galaico, que durou do 3 de febreiro ó 2 de novembro dese ano. Era voceiro da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia, fundada por eles un ano antes.

O outro foi Francisco Porrúa (Corcubión 1922). Moi neno marchou coa nai á Patagonia (o pai era marino mercante). Ela enferma e voltan a Galicia. Vanse de novo a aquelas terras cando el tiña 18 anos. Pasa máis tarde a Buenos Aires, onde estuda Letras. Funda a editorial Minotauro e publica Rayuela, de Cortázar; e anos despois, sendo asesor de Sudamericana dá a coñecer Cien años de soledad, de García Márquez. En 1977 foi a vivir a Barcelona. Alí faleceu o ano pasado. Foi un importante editor. Publicou dúas das obras máis significativas do mundo literario hispanoamericano. Tiña un agudo olfato ante un orixinal. Demostrouno. Como dixen, ambos naceron en Corcubión. Chamei ó rexistro dese concello e non queda alí ninguén con tal apelido. O derradeiro Porrúa faleceu en 2009.

Escritor