El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ tribuna libre }

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS

DSK literaturizado

18.12.2012 
A- A+

D. Strausss-Kahn, ata o 18 de maio de 2011 un dos homes máis poderosos do mundo, acaba de ser convertido en personaxe de ficción nunha gran novela, Karnaval, ganadora do Premio Herralde de Novela, un galardón que se lle outorga á literatura e non as vendas. O seu autor, Juan Francisco Ferré, un escritor moi enraizado na literatura moderna e postmoderna. Un personaxe público, naquelas datas un dos máis influentes do mundo, vese así transformado en materia de arte, de literatura. A novela, cualificada polo seu autor coa "Tripla X" da provocación pornográfica, da exuberancia fabuladora e da incógnita política, foi escrita á vez que acontecían os feitos que motivaron o escándalo do director do FMI o seu motor de arranque foi a imaxe de Strauss-Kahn conducido polo PBI, precisamente cando en España estouraban as protestas do 15-M. "Fascinoume o feito de que un dos personaxes máis poderosos do mundo tivera caído por un xesto froito da gratuidade...Straus Kahn buscou o pracer gratis tendo todo o diñeiro do mundo para pagalo".

A novela, nun intre no que tanto a política como a economía son un verdadeiro carnaval, é un auténtico panfleto moi aguilloante contra as falcatruadas do neocapitalismo, mais adobiando asuntos moi serios cun ton cómico, con escenas hilarantes como as descritas no capítulo "DK 5. Pornografía ancestral". Un panfleto que converte o ex-director do FMI, primeiro no "gran deus K" e logo nun indignado como os do 15-M español que pretende facer estourar o sistema. Endalí que a novela estea ateigada de páxinas que lle sacan as cores aos excesos neocapitalistas. E na mesma D. Sreauss Kahn é un exemplo, unha metáfora, un personaxe de ficción paradigma do mundo de hoxe no que os donos do mundo, os financeiros e os banqueiros, semellan descoñecer ou son insensibles fronte ao que está pasando. É certo que sobre Karnaval planea un escándalo sexual, mais a novela non vai só de sexo. Ás avesas, ofrece unha visión do mundo partido dese deus K e do pinchacarneiros que o transforma nun indignado. O talento literario de J. F. Ferré e a súa condición de postnarrador amósase nun capítulo moi singular, "El agujero y el gusano", un imaxinario documental no que personaxes públicos como Philip Roth, Zizet, Philippe Sollers, Chomsky, Beatriz Preciado, Houellebecq, Judith Butler... opinan sobre Strauss Kahn. Ferré deléitase desacralizando as palabras destas columnas vertebrais dos saberes de hoxe e sabe demostrar que a literatura non só é o único que non está en crise neste país, senón que non para de innovar.

Crítico literario