El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

os outros días

ALFREDO CONDE

O fanático, ¿nace ou faise?

07.07.2009 
A- A+

Fixo antonte sete días que no telexornal dunha televisón xeneralista deron a noticia de que en Xerusalem se montara a de Xehová e o Gran Rabino; algo así como la de Dios es Cristo, pero con kipá e filacterias. Resulta que non sei se o alcalde, se un empresario do sector -non me atrevo a escribir do ramo; por se falando de fundamentalismos sae algún e me corrixe por ponla, ou por calquer outra trangallada léxica- en fin, alguén, decidira axudar á xente abrindo ó uso público un aparcadoiro en sábado. Grave ofensa. Os ultraortodoxos consideiraron tal decisión unha profanación do día sagrado dos xudeos e armaron a que xa se dixo.

O fanático ¿nace ou faise? Non deixa de ser coincidencia que anden sempre xuntos e decididos a facer cumprir ó resto da xente os preceptos que a súa conciencia lles dicta. Co doado que resultaría que, en aras dela, se limitaran a non facer uso do aparacadoiro os días que consideirasen lesivos prá súa propia integridade espiritoal, deixándolle ós demáis a responsabidade das súas respectivas. Co doado que sería que se seguisen limitando a non sacar os seus automóbiles os sábados e deixando que os demáis o fagan se así o consideran oportuno, máis en Xerusalem, na cidade onde moran os representantes únicos de tres deuses únicos e verdadeiros.

Imaxínense que, dado que o día sagrado dos xudeus é o sábado, o dos musulmáns o venres e o dos cristiáns o domingo, integristas dos credos credos decidisen o mesmo que decidiron os ultraortodoxos xudeus, pero non só no que atinxe ó tráfico rodado senón mesmo a calquer outra actividade lúdica ou laboral e formasen a de Alá é o Aiatolá, a de Xehova o Gran Rabino e a de Deus é Cristo -se me disculpan as comparacións, sempre odiosas, poisque non teño outras millores a man- Alá, Xehova e Deus o fixeran millor, xa ven, Eles tres, que pra min teño que deben vir sendo o mesmo. Alá se iría a semana laboral de trinta e cinco horas e xa verían cánto tardaban os sindicatos e maila patronal en botar man das argumentación propias do caso. Por menos téñense armado máis gordas.

A mágoa é que non se poida penalizar por decreto a intransixencia. Sería unha proba de antidemocrática intransixencia que non está democráticamente permitida. Deso é do que se aproveitan, uns e outros intransixentes, uns e outros fanáticos, mentres ós demócratas se lles enche a boca falando da grandeza e dos deberes democráticos; os mesmos que os fanáticos ignoran e, ó facelo, socavan dun xeito que empeza a semellar alarmante. Coa de anos que levou prescindir daqueles velos que levaban as viúvas, verán cánto tarda en se nos complicar aínda máis o aparcamento.