El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ tribuna libre }

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS

Cicatriz

20.04.2015 
A- A+

SARA MESA, a autora de Cicatriz, é unha das figuras emerxentes da narrativa en español. A súa voz estase deixando sentir pola orixinalidade dos seus temas e tamén polo tratamento escritural dos mesmos. En Cicatriz, a súa última novela, recentemente editada por Anagrama, reproduce algúns dos temas centrais da súa obra: a ofuscación nas relacións humanas alicerzadas en pulos e comportamentos obsesivos e insáns; a sedución e a construción mental do obxecto que creemos amar. Co desenvolvemento de todos eles, a autora creou unha peza narrativa intensamente adictiva, tanto polo interese dos fíos condutores como polo tratamento escritural dos mesmos: un estilo áxil, depurado, moi do noso tempo, un ritmo rápido e unha tonalidade derivada da escrita epistolar.
A novela pivota sobre dous personaxes: Sonia e Knut nunha relación a distancia contada sempre desde a óptica do personaxe feminino. Sonia, unha moza dos nosos días, cunha vida gris e anódina, que desenvolve un traballo absurdo, atopa nos chats de internet horas de distracción. Nun foro literario contacta cun home que se enmascara so o alias de Knut Hamsun, que ten entre as súas “virtudes” a habilidade para roubar. Mais os seus furtos están guiados por unha ética moi particular: roubar con estilo, con habilidade e paciencia psicopática e nas grandes superficies comerciais, unha sorte de acto contra o sistema co que neutraliza o seu estrés. Sonia verase asolagada e alagada por unha manchea de agasallos, todos ripados, que incorpora ao seu día a día, á vez que ten a sensación de perda de control. Ao mesmo tempo Knut vaina moldeando para convertela nunha criatura a súa medida. Todo remata por estourar cando o personaxe masculino procura facer o que ata entón soamente se estaba xogando no plano da irrealidade, poboada de fantasías perturbadoras e malsás.
Sara Mesa dálle forma a unha armazón de obsesións e submisións, unha historia de amor desequilibrado, á vez que nos agasalla cunha perspicaz reflexión verbo das sociedades consumistas, sobre o poder, sobre unha sexualidade cuxas marabillas residen na fabulación dese “ser que aínda non é” e que, xa que logo, pode prescindir da consumación carnal. Un relato pois que fai lexible a espesa sustancia fedorenta que reborda a mente dun maniático, e o deixarse levar por parte da súa vítima.

Crítico literario