El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

tribuna libre

Francisco Martínez Bouzas

‘Negra’, unha novela cubana

28.03.2014 
A- A+

Wendy Guerra (La Habana, 1970) é unha notable actriz e escritora cubana, alumna de Gabriel García Márquez. Traducidos os seus libros a máis dunha ducia de idiomas, mais invisible no seu propio pais, onde non se editan nin comercializan as súas obras. Recentemente Anagrama vén de editar a súa cuarta novela, Negra. A teima que empurra a Wendy Guerra na súa obra literaria é a de enfrontar os tópicos, prexuízos e censuras: o racismo, a negritude, o anatema da bisexualidade. A trama narrativa de Negra desenvólvese entre Cuba e Francia. E é unha exploración, tan crítica como real, do racismo encuberto na Illa caribeña. Unha tentativa de explicar en claves afrocubanas  o que acontece coa poboación negra en Cuba, á que, tanto antes como despois da Revolución, lle custa moito integrarse, por motivos económicos na súa meirande parte. Porén, para a heroína  da novela, Nirvana del Risco, a palabra “negra”, que nunca agacha baixo eufemismos paliativos, abrangue nas súas cinco letras, “toda a música, o saibo e o sentimento do seu corpo, da súa alma e da súa nación”.

Nirvana del Risco, filla da xeración dos 60, é negra, bisexual e, sobre todo, é cubana e ,como tal, loita por atopar un lugar no mundo. Nesa procura,  a autora mergúllanos na historia da súa heroína, rachadora de tópicos e de estereotipos, na súa estancia en Cuba e viaxe a Francia. Enceta W. Guerra a narración en terras cubanas e Nirvana dá conta das súas experiencias vitais, das súas diferenzas  con relación aos demais. E faino nunha linguaxe recorrente, percusiva que nos fai lembrar os rítmicos sons dos tambores afrocubanos. A viaxe a Francia é para Nirvana o descanso de Cuba, do socialismo tropical, que “no es malo ni bueno, es incómodo”. É unha viaxe de afectos, a parte máis densa da narración: o encontro coa “esquerda sucrée, coa “gauche caviar”, coa “gauche champagne”. Unha ruta pasional de ida e volta, na que a protagonista topa con diversos personaxes e amantes, nunha sexualidade aberta, afastada ata o infinito do convencional.

Negra é unha novela distinta, abraiante e inesperada; ancorada nun sincretismo composicional semellante ao da relixión e mitoloxía yoruba. No texto, en efecto, conflúen política, sexo, maxia, raza, relixión, sabores, fragancias... Unha peza narrativa que reborda sensorialidade e cromatismo tropical, mais sen disfrazar as cruezas que a protagonista encara na súa loita contra o machismo, o racismo ou a lesbofobia.