El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ tribuna libre }

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS

Gutiérrez Aragón e a ficción

25.09.2012 
A- A+

Manuel Gutiérrez Aragón, que se autodefine como cántabro, cineasta e escritor, leva máis de corenta anos mergullado no mundo da ficción. Primeiro na ficción cinematográfica con longametraxes como Habla mudita (1973), o seu debut na pantalla, Camada negra (1977), La mitad del cielo (1986) ou Todos estamos invitados (2008), película coa que fixo efectiva a súa retirada da ficción fílmica para dar comezo a esoutra, cuxas escenas e secuencias escríbense con tinta e proxéctanse no papel imprimido. En 2009, en efecto, revelou a súa faciana de escritor coa novela La vida antes de marzo. Unha estrea afortunada “de pulida calidade literaria”, que se fixo merecedora do Premio Herralde de Novela. Arestora, hai apenas tres meses, retorna á ficción literaria cunha novela que conxuga habilmente aventura, drama e diversión e que, como na súa anterior obra, seduce ao lector dende o “¡Pitas, Pitas!” do primeiro capítulo. É Gloria mía, editada por Anagrama.

Escrita polo puro pracer de fabular e sen a presión de asentar unha carreira literaria, Gutiérrez Aragón carga as pilas da ficción literaria soñando, paseando ou mesmo facendo o amor. Gloria mía pode ser encadrada como novela moderna de aventuras, que sutura nun mesmo personaxe, á vez heroe e antiheroe, a aventura do guerrilleiro nas selvas colombianas e a aventura, igualmente agresiva, como empresario xa xungla do capitalismo neoliberal. Gloria mía ten como soporte argumental a historia dun personaxe, José Centella, que despois de ser vítima  dun absurdo incidente doméstico, entra en contacto cun home ao que lle relatará a súa vida, que non é outra que  a deriva persoal e ideolóxica dun mozo escorado cara á revolución no seo dunha guerrilla colombiana, secuencia da novela, na que agroman trepidantes escenas (ataques armados, campamentos baixo o paraugas selvático, consellos de guerra, amores pasionais...) E un xiro radical, de volta en España, convertido en belicoso e impúdico alto executivo empresarial, retorcendo así, máis unha vez, os argumentos de Kirilov  (Los demonios): “se a revolución non é posible, todo está permitido”.

Gutiérrez Aragón presenta con eficacia nesta súa ficción ganduxada con linguaxe literaria, unha peripecia aventureira, pero sobre todo efectúa un grande axuste de contas coas utopías do pasado, coa visión liberadora das contendas revolucionarias latinoamericanas. E un axuste de contas, igualmente incisivo, coa vacua inmoralidade do capitalismo occidental onde todo está permitido.