El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ notas de actualidade }

HELENA VILLAR JANEIRO

150 cantares para Rosalía

20.03.2015 
A- A+

PRESENTINDO o arrecendo primaveral que anima o canto dos paxaros e a flor das ameixeiras, traio a esta columna na véspera do Día Mundial da Poesía un dos libros nacidos arredor da celebración do sesquicentenario de Cantares gallegos. É, sen dúbida, o proxecto máis ambicioso, de ambición cumprida: 150 Cantares para Rosalía de Castro, promovido polo poeta Suso Díaz, un dos bos e xenerosos que viven fóra da terra o seu compromiso coa lingua e coa cultura.

Por sorte, coñecín a idea nas orixes e deille ánimos a sabendas do difícil que resultaría construír este singular poemario ao xeito de como Rosalía concebiu os seus Cantares. O editor escolleu poemas significativos do libro rosaliano para adxudicar estrofas aos poetas convidados ata chegar a 150. O fragmento xogaría o papel das cancións populares no libro inaugural da nosa literatura contemporánea, coa liberdade de colocar os versos en calquera lugar do novo poema, xuntos ou separados, segundo o gusto creador. A maiores da creación literaria, o libro conta tamén con aportacións para o contextualizar –Ramón Nicolás e Mercedes Queixas Zas– e con creación plástica abondosa de artistas de noso que desenvolven nel unha interesante iconografía rosaliana. O acerto de xuntar 150 voces de todas as idades, tendencias e sensibilidades estéticas fai deste libro unha obra fito da nosa lírica coa gran escritora como núcleo e referencia, que moito agradecemos ter coñecido e do que moito disfrutamos.

Sendo un labor de grande envergadura non só organizativa senón tamén tecnolóxica, sei que este traballo foi moi grato para o autor. Tanto poetas como artistas teñen gana de participar nos proxectos serios que se lles ofrecen, quérenlle á escritora celebrada, estiman o traballo que arredor dela se fai con agarimo, acoden ás chamadas e ata fan as cousas no prazo que se lles pide, en todos os casos gratis et amore, como o autor. Pero os libros, como os viñamos entendendo, forman parte dunha industria suxeita como ningunha outra á miseria imposta, á pobreza cultural á que nos foron levando, polo que a gran dificultade sería edítalo en papel. O autor optou polo formato electrónico facilitando a descarga libre que está conseguindo unha gran difusión. Déixolles o seu enlace http://www.susodiaz.gal/2015/03/150-cantares-para-rosalia-de-castro.html.

Escritora