El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

notas de actualidade

HELENA VILLAR JANEIRO ESCRITORA

Instalación artística no Mupega

11.04.2008 
A- A+

Hoxe, ás cinco e media, inaugúrase no Museo Pedagóxico de Galicia, sito no barrio de San Lázaro de Santiago, dentro da exposición Mestras, unha biografía repleta de soles, a instalación da artista Luz Darriba que leva por título LibroLibre. Consiste nun libro xigante de 16 páxinas, con textos, imaxes e unha peza sonora que interactúan para propoñer unha viaxe reflexiva arredor do que foi ata o de agora a educación das mulleres.

A peza sonora ABC é unha proposta do artista coruñés Jose Lemur que invita a unha aprendizaxe semellante á "dun neno que repite o abc, dunha nena que toca o do-re-mi, como a dunha nena que repite o abc, como a dun neno que toda o do-re-mi". E ocorre nun diálogo sen palabras unindo a voz humana gravada coa palabra escrita, compañeiras inseparables dunha mesma ideoloxía. Luz Darriba, artista plástica coñecida por grandes proxectos, como cubrir a muralla de Lugo con libros ou presentar unha alfombra cosida por mulleres no Obradoiro de Santiago, investiga novas canles de expresión na busca dun traballo artístico cooperativo e ético no que entran as novas tecnoloxías. O de hoxe, que non por casualidade se expón nun museo dedicado á educación institucional, forma parte dunha investigación ao redor da pedagoxía, da igualdade de dereitos e dos problemas de xénero, un tema que lle é prioritario e recorrente.

Luz Darriba e Jose Lemur, que traballan na expresión contemporánea e interrelacionan entre as diversas manifestacións da creatividade, pretenden coa peza ABC e a instalación LibroLibre un diálogo paralelo. Só se oirá o son dun alfabeto feminino teimudo ata ser entendido polos seus iguais, testán ata que logre non quedar acalado polas voces dos seus compañeiros maculinos.

Jose Lemur compuxo a música con notas tatexantes para acompañar as palabras mentres se le e se entende a xa clásica definición feminista contra o silencio "o que non se nomea, non existe". O traballo do músico experimental está conseguido a partir de gravacións de campo con ambientes escolares de fondo que foron modificadas electronicamente para producir sensación de opresión que atenaza mentres a voz feminina recita o abecedario para se facer oír. A instalación está pensada para involucrar sensorialmente a espectadoras e espectadores.