El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

firma convidada

RUBÉN CELA DÍAZ

A lei de augas

16.02.2011 
A- A+

O conselleiro de Medio Ambiente ven de anunciar no Parlamento galego a súa intención de incumprir a Lei de Augas que el mesmo promoveu e que aínda non leva en vigor dous meses. O feito en si é moi grave e só se pode entender en clave electoral. Reafírmanos no que moitos levamos meses denunciando: a nova Lei de Augas é inxusta, ten un claro afán recadatorio e só a presión cidadá conseguirá que non se chegue a aplicar.

Trátase dunha Lei nacida pola porta de atrás e enxendrada de costas aos veciños e aos Concellos. Aprobouna o PP en solitario a base de rodillo parlamentario e desoíndo recomendacións do Consello Económico e Social e rexeitando as emendas da oposición, empresarios, sindicatos e ecoloxistas.

O princial obxectivo desta Lei non é medioambiental, é recadatorio. A propia memoria económica da norma prevé duplicar os ingresos por este concepto pasando de 34 millóns a 68 millóns de euros. Esa diferenza sairá fundamentalmente dos petos das e dos contribuíntes.

A partires de agora, pagarase polo consumo da auga real ou potencial con indepvendencia da súa procedencia (rede pública ou privada), subtituíndose o antigo "canon do saneamento" por dous novos tributos: o "canon da auga", que pagarán todas as persoas que se abastezan de redes públicas, de traídas comunais ou de pozos particulares, e o "coeficiente de vertido" que se aplicará aos que vertan auga a unha depuradora xestionada pola Xunta de Galiza e que na práctica implicará multiplicar o "canon da auga" por dous.

Nun momento de moitas dificultades, o PP demostra unha nula sensibilidade coas familias ao impor un novo imposto indirecto que, ao igual que coa recente suba do IVE, non ten en conta a situación socioecoónima das persoas e perxudica fundamentalmente ás rendas máis baixas. Pagarase -con indenpendecia dunha importante dedución e do que diga o Conselleiro- pola auga de pozos e traídas veciñais ou comunitarias. Trátase dunha medida especialmente discriminatoria e perxudicial para o rural, e polo tanto para moitas parroquias de Santiago, ao suprimir as exencións que antes existían para os núcleos rurais de menos de 2.000 habitantes.

 Para o BNG esta é unha oportunidade perdida para consensuar unha auténtica Lei de Augas baseada na ordenación e regulación dos usos da auga que, recollendo as nosas especificidades, garanta a auga coma un servizo universal e a protección e conservación dos nosos recursos hídricos. Aínda estamos a tempo de parala se existe unha forte resposta veciñal. As declaracións do Conselleiro son indicativas de que imos polo bo camiño.

CANDIDATO DO BNG Á ALCALDÍA DE SANTIAGO