El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ tía manuela }

LUIS CELEIRO

A Compostela, máis de cen quilómetros

12.08.2015 
A- A+

TODOS ou moitos saben que o remate dos Camiños de Santiago está na capital de Galicia, onde sinala a vía láctea, esa galaxia que vai sen interrupción, dende non se sabe onde, ata a mesma praza do Obra-
doiro compostelá, a máis universal do mundo coñecido. Os peregrinos chegan, por calquera camiño, e van feiticeiros na procura da acreditación de que fixeron andando máis de cen quilómetros, van pola Compostela. Dispostos a asegurar que fixeron o Camiño andando,
motivados polas razóns que eles consideran. E, se os motivos non valen, hai outros de máis importancia.

Sarria é punto estratéxico no Camiño Francés, para comezar e chegar a Santiago cos cen quilómetros andados e necesarios para ter dereito á Compostela. Este fito é unha riqueza para a vila, fundada por Alfonso IX e agora unha vila traballadora e de xentes de ben. Os outros Camiños tamén teñen un lugar 100 quilómetros antes da meta. O do Norte está en Baamonde; o do Primitivo, en Lugo; o do Inglés, en Neda; o do Portugués no Porriño, e o do Camiño Sanabrés, en Ourense. Non hai máis, a tía Manuela ten razón: que o entendan os alcaldes e que fomenten as comunicacións, que fagan difusión, que llo digan á xente, se é necesario, boca a boca.

Polos territorios da provincia de Lugo pasan tres Camiños e os tres son Patrimonio da Humanidade, segundo declara a Unesco, son meritorios lugares de paso, lugares para andar e vivir como son os outros Camiños polos que podemos achegarnos a Santiago de Compostela, que tamén é Patrimonio da Humanidade, patrimonio de todos os galegos e dos visitantes, que proceden de todo o mundo. Veñen de calquera lugar e alí volven, co sorriso nos beizos e querendo visitar a Galicia de novo coas súas familias e amizades. Pois, que veñan!, que o conten, que falen e, se é posible, que falen ben.