El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

PEnsadores de hoxe

MARCELINO AGÍS VILLAVERDE

Mandianes, o de "Luar"

23.12.2010 
A- A+

Son varias as persoas ás que coñezo moito sen coñecelas de nada. Este raro fenómeno ten que ver co feitizo dos libros. Un día, era eu ben pequeno, déuseme por abrir un destes trebellos ateigados de páxinas e endexamais fun quen de saír deles. Así fun sabendo de moitos autores ós que lles puxen cara e personalidade sen ter o pracer de coñecelos persoalmente. Manuel Mandianes Castro é un deles. Tiven por primeira vez noticia da súa existencia grazas a Loureses: antropoloxía dunha parroquia galega, libro publicado pola Editorial Galaxia no ano 1984, cun Prólogo de Domingo García-Sabell. Un libro que facía o número 2 da colección de Ensaio e Investigación, inaugurada pola Filosofía da Saudade de Ramón Piñeiro. ¡Case nada!

Fun seguindo os seus traballos presentados en congresos de antropoloxía como os organizados polo Consello da Cultura Galega que tiveron a Ramón Otero Pedrayo e a Fermín Bouza Brey como pano de fondo. Ocasionalmente lino na prensa. Ás veces eran artigos da súa autoría; outras, entrevistas que lle facían sobre un determinado tema deses que chaman de actualidade.

Volvín bater con Manolo Mandianes nos Premios da Crítica de Galicia, correspondentes ó ano 2004. Eu formaba parte do xurado na modalidade de ensaio e pensamento e velaí que el levou o premio dese ano polo seu libro O río do esquecemento. Identidade antropolóxica de Galicia.

Despois faloume moi agarimosamente del unha amiga común das terras ourensáns. Foi no transcurso dunha festa familiar que en Dorrón chamamos o Rosario. "¿Coñécelo?", preguntoume. "Si, moito. Acontece que nunca coincidín con el". Tamén miña cuñada quixo saber quen era o personaxe misterioso a quen eu coñecía sen coñecer. "Si, muller, si: o profesor que sae no Luar". Naturalmente, acabouse o misterio e eu quedei pensando no inmenso poder dos medios de comunicación.

Manuel Mandianes Castro naceu en Loureses, na parroquia ourensán de Aguís, no 1942, un deses anos nos que a posguerra española pintaba de frío e de fame a paisaxe. Cursou primeiro estudos relixiosos no Seminario de Misións de Burgos e mesmo probou durante catro anos a experiencia de traballar como misioneiro en Colombia. Pero deseguida se decatou de que Deus non o chamara por ese camiño e principiou outro en Francia.

Estudou primeiro Teoloxía Católica e despois Antropoloxía na Universidade de Ciencias Humanas de Estrasburgo II. Para non deixar nada a medias, no ano 1979 fíxose doutor en Teoloxía cunha tese sobre La moral sexuelle chretienne mise en question pour l"ethnologie. Dous anos despois, no 1981, defendía a súa tese sobre Vivre en Galice, coa que acadou o doutoramento en Antropoloxía.

No ano 1982, mentres o país enteiro tiña a cabeza posta no mundial de fútbol que se celebraba en España, Mandianes andaba atafegado en revalidar os seus estudos e acadou nese ano o doutoramento en Ciencias Políticas e Socioloxía. Un título que lle abriu as portas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Barcelona, converténdose en científico titular. Despois dirixiría, dende 1996 ata a súa disolución no 1999, o Instituto de Estudos Sociais Avanzados.

Escribiu unha manchea de libros, o primeiro en francés sobre Loureses: un village de la Galice, que apareceu en Estrasburgo no ano 1983. É autor tamén de moitos artigos científicos e relatorios presentados en congresos nacionais e internacionais. Pero o noso antropólogo decatouse de que, para chegar ó gran público e divulgar os temas da súa especialidade, o xornal era unha ferramenta imprescindible. Colaborou e colabora en xornais nacionais e galegos. Aínda que para moitos, Manuel Mandianes Castro é o antropólogo da TVG. ¡Tampouco é mal título!.