El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

tribuna libre

MANOLO FRAGA

Guitarra galega no Gaiás

18.07.2014 
A- A+

Escasean os concertos de guitarra clásica, e os dedicados a compositores galegos, máis aínda. Por eso o Atardecer musical do Gaiás co tudense Samuel Diz pareceume unha cita inescusable. Profuso en explicacións para contextualizar a "viaxe de introspección histórica" aos anos 30 que fixo desde o escenario, Diz puxo os acentos no vigués Juan José Mantecón (1895- 1964), o lucense Jesús Bal y Gay (1905-1993) e o compostelán Fernando Buide, xove autor afincado agora en A Coruña e que vén de doutorarse na Universidade norteamericana de Yale.

Ao chamado Grupo dos Oito, aqueles que se coñeceron na madrileña Residencia de Estudiantes -facho de difusión da modernidade en España-, pertencía a única moza, Rosita García Ascot, que acabaría casando con Bal y Gay. Así o contou o intérprete antes de facer "Española", peza que abre o seu disco de 2012 titulado Guitarra Clásica Galega. A gravación, feita en Barcelona, é unha excelente recompilación de creadores propios ou de música inspirada en Galicia como a célebre "Suite Compostelana" de Frederic Mompou. Este recomendable CD, editado por Ouvirmos, pretende ser o inicio dun "proxecto vivo" tal como escribe Samuel no libreto: "Un disco onde, humildemente, intento compartir unha visión da guitarra en Galicia a partir dos seus compositores, guitarristas, repertorio e publicacións; pero ao mesmo tempo, desde unha visión universal, a partir da pegada que a nosa paixase gravou na retina doutros creadores non auctótonos".

Diz, que arrolaba a guitarra envolvéndoa cos brazos, interpretou no cumio santiagués con agarimo e emoción "Pastoral" de Bal y Gay, e a continuación o remedo creativo sobre esa mesma peza que fixo Buide, á que lle chamou "Nocturnal (Bal y Gay)", incluídas tamén no disco. En sintonía coa hora en que o sol se acolchaba sobre as nubes e coa monumental oruga de lousa de fondo, Samuel estreou "Danza del atardecer" de Mantecón, obra chamada a figurar entre as elixidas da vindeira gravación do artista. Nunha edición de 1932 da revista Lecturas, Antonio Ribera xa destacara esta composición pola sús "exquisita musicalidad, a la que une una fuerte personalidad, que la hace distinta a todas las especies conocidas hoy en el mercado de Albéniz a Granados o Falla".

Samuel Diz, no seu rol de investigador, iniciou unha andaina que cómpre continuar con máis concertos e instrumentistas, así como enriquecer con máis literatura guitarrística e gravacións. Polo de agora podemos volver a velo o vindeiro 18 de xullo no convento de Herbón, ao día seguinte vai a Cuenca e o 21 actuará en Cádiz. Entre tanto, esperamos novas datas en Galicia.