El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

al sur

MARCELINO AGÍS VILLAVERDE

Homenaxe ás redeiras

15.06.2015 
A- A+

SANTIAGO de Compostela acollerá o próximo xoves, día 18 de xuño, unha singular homenaxe ás redeiras galegas. Será con motivo da presentación do libro Mulleres entre redes, do que é autora a pintora Ana Cancela. Xuntarémonos no salón de actos da Facultade de Filosofía da USC ás 7 da tarde, convocados por Alvarellos Editora e coa presenza de Rosa Quintana, conselleira de Mar e de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Eu coido que Galicia enteira lles debe unha homenaxe a estas mulleres que levan séculos desenvolvendo un oficio tradicional, imprescindible para as actividades pesqueiras, pero invisibles. Elas están, abofé, nos nosos peiraos pero semella que ninguén pode ver o traballo desas mans silandeiras que cosen e arranxan aparellos e artes de pesca. Unha invisibilidade que ten que ver tanto coa inxusta consideración marxinal do propio oficio como coa condición feminina destas traballadoras que viven ao pé do mar. Ana Cancela soubo captar neste fermoso libro de artista este inxusto trato ás nosas redeiras e atadoras, facendo ao mesmo tempo visible ás protagonistas deste oficio tradicional. Teremos connosco no acto a Manolita, unha redeira de Portonovo, loitadora e mestra de varias xeración de redeiras. Homenaxear a súa pel dourada polo sol, as súas mans rebuldeiras, os sucos que o tempo foi deixando na súa face, é un acto de xustiza que vai dedicado a centos de redeiras de toda a xeografía galega. Elas merecen todo o noso respecto e consideración. ¡Vén!

Catedrático de Filosofía