El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ al sur }

MARCELINO AGÍS VILLAVERDE

Mulleres entre redes

06.04.2015 
A- A+

O PASADO venres presentouse na Festa da Raia de Portonovo o libro de Ana Cancela Mulleres entre redes: do invisible ao visible. Aínda que, en realidade, non é só un libro senón unha obra de arte que nos fala con textos e imaxes dun oficio tradicional vinculado ao mundo do mar: o das redeiras e atadoras que arranxan e dispoñen aparellos para que os mariñeiros poidan saír faenar.

É un oficio feminino e, se cadra por iso, dobremente invisible. ¿Quen repara no traballo destas mulleres a pé do mar, en peiraos e portos, que coas súas mans espelidas, realizan as redeiras? Pois xa ven que polo menos Ana Cancela, pintora e directora do Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo, quixo fixarse nelas para facer visible e dignificar este oficio que tamén ten moito de arte.

Foi un acto emotivo que a piques estivo de roubarlle unha bágoa silandeira a Catalina González, alcaldesa de Sanxenxo e mestra de cerimonias desta presentación, no seu Portonovo natal e entre os seus. Catalina convidou a Manolita, unha veterana redeira a tomar a palabra, despois de que o editor, Quique Alvarellos, e a autora nos falarán da obra. Manolita falou no nome de todas as redeiras presentes e ausentes, no nome de todas as mociñas ás que lles aprendeu o oficio, e desde o fondo da alma mariñeira de Portonovo: "Grazas Ana por facernos visible". Grazas Ana, digo eu tamén, por regalarnos esta fermosa obra de arte.

Catedrático de Filosofía