El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ tribuna libre }

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS

Mr. Gwyn

18.01.2013 
A- A+

Recentemente traducida a varias linguas peninsulares, temos arestora a posibilidade de gorentar a última novela do escritor italiano Alessadro Baricco, Mr. Gwyn, un texto cristalino e transparente. O narrador italiano é un dos mellores estilistas actuais. A súa escrita é vocación, non profesión e hai quen afirma que non se pode escribir máis bonito do que o fai Baricco. Mr. Gwyn é un "thriller poético", unha novela metaliteraria sobre o oficio de escribir e eses acenos que fan que unha fermosa historia empece a ter vida. Abofé que cómpre gorentar paseniñamente cada palabra que lemos deste libro, onde un escritor semella cambiar de profesión, deixar de escribir libros, mais non para esquecer a escrita, senón para crear a maxia e somerxer o lector na cerna do asombro desde unha proposta metanarrativa e contándonos unha historia moi inxel, case que infantil e irreal a primeira vista, pero que chegará a atraparnos coas poutas da intriga.

É a historia iloxicamente doada da Jasper Gwyn, un autor de éxito que decide deixar de escribir libros, porque se decata de que iso non lle acaía ben. Mais ao pouco tempo bota en falta o xesto de escribir e venlle á cabeza a idea dun posible oficio: ser copista, non de actas notariais, senón de persoas, escribir retratos da xente. Será entón cando comece o insólito, a historia que nos vai fascinando pouco a pouco. Homes e mulleres pousando para o escritor e a novela incrustándose con forza na metanarrativa. Unha reflexión sobre o acto de escribir e algo máis: introducíndonos mesmo no taller do escritor ata nos seus nimios detalles. E Mr. Gwyn escribe retratos marabillosos sobre xente moi dispar. Retrata as persoas escribindo escenas, anacos de historia, páxinas de libros que ninguén escribiu xamais. Entremedias a novela afonda nos misterios dos ritos da experiencia que, como tal, conducen a que unha muller espida se deixe mirar por un home louco, sendo capaz de reordenar esa experiencia ata transformala nun refuxio para os dous, facendo que xurda o desexo de algo físico. O desenlace do libro, secasí, e sorprendente, porque ao final un escritor nunca deixa de selo. Soamente cambia de perspectiva: troca o arduo traballo da inspiración e deixa levarse pola maxia. Endalí, lémbranos Baricco que haxa moitos retratos ocultos circulando polo mundo adiante, cosidos secretamente ás páxinas dos libros.

Crítico literario