Lunes 21.10.2019 Actualizado 12:28
Google    

El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{OS OUTROS DíAS}

ALFREDO CONDE

Poetas do mar

14.05.2011 
A- A+

CHEGOUME, coma un tolete aboiando na maré ata se deitar na area longa do recordo, unha escolma da poesía de Bernardino Graña feita por Miro Villar. Ónde o estrobo?

Comprenderán que tal pregunta é meramente retórica. Ven a conto de que, lendo a Bernardino, venme ás mentes o meu pai. Non sei por qué, ou sí. Bernardino é o noso gran poeta do mar e o finado do meu pai éralles da Ziralliña, averiguen cara ónde cai, e pouco dado á poesía, pero o idioma no que Graña escribe recordarme ó que meu pai me falaba. Adoitaba premernos contra o seu peito, ó meu irmán e máis a mín, pidíndonos que lle falaramos "na lingua meiga". Sucedía cando o idioma era da xente, moito antes de que caira (desafortunadamente) nas mans dos lingüistas e dos políticos. Daquela daba gusto falar. Escuso dicirlles o pracer que proporcionaba o escoitar esas verbas (e outras) que agora tanto marabillan ós estudantes que veñen de fóra aprendelas por nós; por nós, que xa imos moi sobrados de caseque todo, quén o diría.

A edición desta escolma correu por conta de Caixanova e máis do PEN Clube. O PEN Clube é o que é, pero non é o que debeu ser. Quérese dicir que xa andaramos algúns en lerias fundacionais había anos ata que Luis G. Tosar e se non recordo mal tamén Casares foran a Maastrich e deran cabo a un labor de anos. Bernardino foi dos que andara naqueles afáns primeiros, séino ben. Sen embargo non recordo ver por alí ás máis das noivas que agora lle sairon ó PEN. Nin á AELG, por certo. Pero así se adoita escrebir sempre a historia. Que nos quiten o bailado.

Bernardino é o noso grande poeta do mar. Por iso non sei se o título da escolma Ser auga, darse en auga non será un pouco reduccionista. Bernardino ser, o que se di ser, é mar; e darse, o que se di darse, dase en mar, cáseque diría que en océano se as súas singraduras non foran todas de baixura, de costa ou cabotaxe coma moito. Neso é no que se diferencia de Manoel Antonio: en que este soubo cousas a cerca da "corda frouxa do horizonte" que Bernardino, de boga lenta en chalana ou dorna, non acadou a outear debidamente. Manoel Antonio, sí navegou a través dos meridians, subeu e baixou latitudes, sinteu o vento no velame facendo cruxir os mastros e tivo outra cultura náutica. Foi un poeta grande.

Sen embargo Bernardino é máis próximo, bogou apoiando o remo no tolete e suxetóuno a il co estrobo, soubo dos laños e dos cons de nós e aprendeu do seu tío Emilio todo canto acadou a transmitirnos transubstanciado en poesía. Por iso esta escolma é un acontecemento, ou tal se me antolla a mín.

Fáganse co libro. Hai un poeta logo de "Profecía do mar". Abondaría pra sabelo coa atenta lectura de dúas elexías que figuran nesta antoloxía: as dos pasamentos de Alexandre Cribeiro e Xabier Pousa. O poema adicado á morte do primeiro éo de certo, o de Pousa ó millor, porque está cheo da enerxía vital que sempre acompañou ó pintor en vida e perdura nos seus cadros. Leano e disfruten.

Escritor, Premio Nadal

e Nacional de Literatura