El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

no pasar dos días

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO DA REAL ACADEMIA GALEGA

As toupeiras urbanas

07.02.2010 
A- A+

Gústame andar -facer footing sería a expresión manida empregada por moitos dos que din defender a pureza do castelán- e sentir unha brisa lixeira contra a faciana, mentres cavilo nas miñas cousas deixándome levar pola inercia das vellas rúas da miña memoria e da miña infancia, polos días idos, como quen anda nunha cidade sen tempo, acompasando o paso á rítmica cadencia marcada no sentir do corazón. Ademais ata seica é bo para a saúde ou, polo menos, así se vén pensando. De cando en cando, ten algo de atrainte deixarse levar polos recordos e as lembranzas nunha escenografía, mesmo ás veces imprecisa, da que non se ten certeza ou que xorde inexplicábel máis alá dun significado esencialmente subxectivo. Naturalmente, estas andaduras son gratas de as facer tamén no seo da propia realidade, tanto en Compostela como, sempre que é posíbel, nas vilas e cidades onde nos atopemos cun algo de vagar e onde a paisaxe urbanística se nos mostre interesante, cómoda e agradábel.

Ese amplo e demorado camiñar, sen embargo, vese perturbado agora coas febres do Plano E e esa especie de comportamento de toupas entolecidas que están a padeceren os nosos rexedores municipais. Xa empeza a non se saber que é peor: si ser un intrépido peón ou un arriscado automobilista. Non é doado buscar unha opción alternativa a fin de non romper ningún óso ao caer en calquera dos milleiros de fochancas e buracos abertos polo pais adiante. Unha poboación avellentada, con problemas de vista e de mobilidade facendo todos os días unha carreira de obstáculos mortal para ver se poden dar unha volta, ver aos amigos, xogar a partida, ou ir a unha conferencia, poñamos por caso. Porque xa me dirán das posibilidades que hai para os maiores de permanecer indemnes ao paso por esas áreas en medio da tolemia provocada polas reformas e as barreiras que teñen tomadas as nosas cidades. Estannos arranxando todo, hai calexas e rúas levantadas nunha maioría de cidades e vilas, por non falar das veces que as obras abren foxos, por un motivo ou por outro, cando non se trata da Telefónica resulta que é Gas Natural e senón R ou calquera outra empresa de distintas siglas e vario cometido, augas, gas, electricidade, telefonía, ou a remodelación no trazado das vías de tráfico, ocupando un elevado tanto por cento das intervencións que se veñen operando nos nosos espazos cívicos.

Non digo que as motivacións do Plano E non fosen meditadas e que viñesen ao caso para paliar os efectos negativos da caída da construción ou que as nosas vilas e cidades non precisen de retoques, pero como todo aquilo que non ten mesura ou que carece da necesaria planificación provoca o efecto contrario, xunto a demoras interminábeis, atascos e feísmo. ¿Por que non se teñen en conta un pouco máis aos barrios ou ás pistas e camiños de intercomunicación veciñal, ou ás estradas comarcais cheas de pozas e foxos, sobre todo despois dunha invernía como a que estamos a soportar? Penso que tamén se favorece ao emprego e ás empresas da construción fóra das cidades e vilas, estendéndose deste xeito o número de beneficiados á poboación rústica. A veciñanza de aldeas e barrios de Galicia tamén está no dereito de que o Plano E teña en conta a súa situación, pois esas persoas, eses cidadáns que aí viven merecen poder saír a traballar sen atrancos, a mirar polas súas leiras, ir ao médico, e andar á súa vida sen ter que coidar por onde pisan, escapar do tráfico por non contaren con beirarrúas, ou sen medo a que os coches da casa se vexan estragados, unha e outra vez, por mor do pésimo estado do firme viario. E así vai a cousa. Ah, bueno, e o PSOE de novo contra Galicia!