El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

os outros días

ALFREDO CONDE

O talento narrativo de Suso Lista

30.12.2008 
A- A+

Viaxe rápida á Coruña pra me dar o pracer de lle escoitar a Suso Lista a lectura do seus relatos. Non pra ouvirlle os seus relatos, iso sería literatura oral e o seu é literatura-literatura.

Literatura oral era o que facía o finado do Casares cada vez que contaba as súas anecdotas, cada vez que as reinventaba, cada vez que as recreaba quitando alí, poñendo alá, según fose vendo as diferentes reaccións dos seus variados auditorios. Aquelo era literatura oral, e da millor.

Coñecín moi pouca xente coma o Casares nese terreo da narración oral, espontánea ou non, que de todo hai e debe haber en calquer manifestación humana. Un deles foi un médico de eiquí do CHUS, hai dezaseis anos, cando naceu a miña filla pequena. Nunca me acordo de cómo se chama, sei que tiña un bigote algo quevedesco e unha ollada intelixente e chea de brillo. Lástima. Daría algo por lle volver escoitar contar cousas, historias reais ou inventadas, soñadas ou simpremente desexadas. Era outro xenio coma o Casares. E miren qué contaba ben o finado, falando por aquela súa boquiña, por aquel seu peteiro de ouro co que tanto encandilaba. Mesmo millor que escribía. E ben que escribía. Nalgunha das súas polifacéticas manifestacións literarias ninguén o superou aínda. Pero falabamos do Suso.

O Suso escribe historias fermosas ou tráxicas, cheas de humor ou de fantasía, según lle veña o humor ou según sexan os días. Como aínda non hai un libro no que estean recollidos os seus relatos, hai que oirllos ler se un quere saber deles. E sabe lelos. Léos moi ben. Tan ben coma o Casares narraba os seus sucedidos, algún protagonizado por mín me cagh? na viruta.

Esta vez Suso léunos na Galería ColecciónAN, que dirixe Ángeles Novás, alí na travesía do Orzán, nunha rúa da que non sabían os carteiros ata que ela lles indicou ónde. Está nun baixo que tampouco non está numerado. Coma os cen corvos do relato do Suso que ían visitar a un tal Rufino tódalas tardiñas según o solpor era chegado. Pouca xente entre nós coa forza, co talento narrativo do Suso Lista. Se poden vaian escoitalo cando volva ler outro feixe de relatos. Fágano se non queren esperar a que algunha editorial llos publique. Se eu fora editor non tardaría nin dous meses en facelo. Lástima. Privaríaos do pracer de llos escoitar ler, pero proporcionarialles o pracer imenso de os posuir e gardar na casa. Coma un tesouro.

ac@alfredoconde.es