El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{cancela aberta }

XOSÉ NEIRA VILAS

Unha biografía de Bóveda

18.04.2010 
A- A+

Sobre o líder galeguista Alexandre Bóveda, amigo e compañeiro de loita de Castelao, lévase escrito moito. Xerardo Álvarez Gallego falábame en Buenos Aires, en 1956, do proxecto de escribir unha biografía de seu cuñado; quería dar testemuño daquel mártir cercano, pois fora testemuña día a día da súa vida e do seu tráxico final. Anos despois deu a coñecer Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda. Publicáronse tamén moitos poemas na súa memoria. Na diáspora arxentina instituímos o 17 de agosto -data do fusilamento de Bóveda na Caeira- como Día dos Mártires Galegos, con actos que organizaba unha comisión integrada por case unha decena de asociacións de emigrantes. Pasaron 74 anos daquel asasinato e a figura de Bóveda agrándase no tempo. Con el "enterraron semente" que segue abrollando nas conciencias dos bos e xenerosos.

Un novo libro, unha biografía daquel ourensán ledo e batallador, da autoría de mestre e escritor David Otero (biógrafo tamén de Castelao, Dieste, Ferro Couselo, Eladio R. González, e outras obras) acaba de publicar a editorial Laiovento, co título de Alexandre Bóveda na denanda de restauración. En prosa fluída e vibrante, Otero vainos achegando a unha frecha acesa polo ideal galeguista, como foi a existencia do noso irmán maior inmolado.

O máis dramático desta biografía é o arbitrario proceso que desembocará na morte brutal. Vemos a súa valentía, a súa determinación e a súa tenrura familiar. Cando confesa que a súa morte vai ser o seu derradeiro acto de servizo a Galicia, fainos recordar a frase de Julio Antonio Mella, o líder popular cubano, mandado asasinar en México uns anos antes polo tirano Machado: "Aún después de muertos somos útiles".

O libro de David si é memoria histórica. Memoria dos que morreron por nós todos, por esta patria que amamos e defendemos.