El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

couso e arca

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

Unha conferencia de propaganda galeguista (1931)

13.03.2010 
A- A+

De Constantino Sánchez Mosquera coñecemos algúns datos interesantes e significativos. Coruñés de nacemento foi estudante da Universidade compostelá onde se licenciaría na carreira de Medicina. Esa dedicación levouno a percorrer diferentes centros sanitarios tanto de Madrid como de Montevideo e froito dese labor nacerían algunhas das súas publicacións especializadas. Ampliara estudos en París e percorrera outros países europeos e, con posterioridade, fixaría a súa residencia en América. Vencellado a sociedades, clubes culturais e ao Centro Galego, Constantino Sánchez obtería importantes recoñecementos sociais como consecuencia das versátiles implicacións ás que dedicou moitos anos do seu periplo vital.

Este libro nace dunha conferencia pronunciada na Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, no mes de xullo de 1931, poucas semanas despois da proclamación da Segunda República española. O texto achéganos a unha cuestión nuclear, a Universidade de Compostela, e a outras moi relevantes e non menos interesantes para a época en que se escribe: rexionalismo, caciquismo, política galega, os galegos en América, a residencia de estudantes? ou a vida parlamentaria arredor da que o doutor expón algúns interrogantes, como por exemplo o de saber cal será a actitude que asumirán no Parlamento personalidades moi relevantes: Novoa Santos, Rodríguez Cadarso, Manuel Varela Radío, Casares Quiroga, Otero Pedrayo, Castelao, Villar Ponte, Portela Valladares, Suárez Picallo, Peña Novo?

Como complemento da devandita conferencia o autor ofrece algunhas acotacións feitas dous meses despois onde Sánchez Mosquera ergue a voz arredor do federalismo, separatismo, situación agraria, centralismo? cuestións polémicas sobre as que escribe cunha chamativa vehemencia froito do coñecemento e tamén da lonxanía: os problemas relixioso e agrario precisaban, cría el, dunha ampla e profunda reforma con inclinación esquerdista, evitando os extremismos demagóxicos.