El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ pan e coitelo }

XOSÉ MANUEL SARILLE

A verbena hispana

21.06.2011 
A- A+

EN INTERNET atópanse moitos relatos de turistas. Aos visitantes de Escandinavia chámanlles a atención as estradas. "Son terceiromundistas", resume un dos nosos guiris, que escribe antes da crise. Di que o ancho é estreito, o firme pésimo e a paciencia necesaria. Non cómpren máis datos para deducir que os suecos investiron o diñeiro noutras cousas.

España é un país inzado de autoestradas polas que non circula ningúen, dixo un ministro alemán. España, debería dicir o ministro, é vítima dunha das maiores estafas financeiras da historia, na que participan sobre todo banqueiros, mais é tamén un país con pésimos políticos e un pobo que parece incapaz de espertar.

Que dea un paseo por Galicia o ministro. Verá que a Xunta vai comezar unha autoestrada cara á Costa da Morte, de 800 millóns de euros, que non leva a ningures. Unha ruína que os outros partidos non se atreven a cuestionar. Súmase á barbaridade do porto exterior coruñés, sobre o que non se fala; un monstro que traga diñeiro sen taxa, coa dúbida de se finalmente será útil. E a Cidade da Cultura, que cada vez se parece máis ao Ryugyong, o hotel de Corea do Norte de 330 metros de altura, 360.000 metros cadrados e unha soa planta ocupada. O resto está para ensinarllo ás excursións.

Se o ministro despega de noite de Alemaña, pasará antes por vilas en penumbra, igual que as de Francia e Austria e Dinamarca. Aquí cruzará aldeas nas que os farois acesos se prolongan até o monte e vese como de día. Se vai pola Autoestrada do Atlántico, á altura de Ordes acompañarano centos de farois que non aluman nada nin a ninguén. É o noso brinde ao sol, celebrando que xa somos de cidade.

www.sarille.eu