El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

notas de actualidade

HELENA VILLAR JANEIRO ESCRITORA

Volver a Galicia

29.05.2009 
A- A+

A xornalista e escritora galega-arxentina María González Rouco está a publicar Volver a Galicia, un libro intenso que, canda a creación literaria -contos e poemas con galegos arxentinos-, contén unha ampla documentación sobre a historia da inmigración e dos exiliados galegos naquel país, así como unha nutrida testemuña da xente de noso que se viu obrigada -por falta de medios ou por persecución ideolóxica- a cambiar o Fogar de Breogán pola República Arxentina, e unha boa apoiatura fotográfica. Lectora privilexiada deste libro -a autora quixo que levase un texto meu na contracapa- Volver a Galicia volveume a min a Buenos Aires, a través dos seus relatos áxiles e líricos que actúan de vehículo de dobre percorrido emocional. Traen e levan. E así, eu, que só fun emigrante no soño da nai que non deu chegado a Buenos Aires, camiñei por un país tan ben documentado como narrado co coidado estilo desta autora. E podo presenciar a vida de meu tío Xosé, político e segundo, que nos encargaba morcillas doces como as de súa nai e mandaba revistas de moda ateigadas de palabras fermosamente exóticas: breteles, polleras, frazadas... e contos con nenos gauchos, entre palenques e rebenques. Un ano pediu unha zamarra para o frío e enviounos café moído nunha latiña azul. Ningún café arrecende como aquel, que serviu de despedida. E podo coñecer a sorte que correron os homes que facían na nosa xastrería o seu último traxe para chegaren ben vestidos. Recollíano xa en marcha, durante a parada do coche de liña, e choraban uns minutos abrazados a meu pai. Volver a Galicia crea inercia de constante ida e volta. Dos que marcharon e dos que permanecemos. Non hai familia galega que non teña un parente enterrado en Arxentina, que non perdese unha ponla da súa torada e que, grazas a este libro, aínda pode recuperar. Aló está o avó, a tía, a madriña. Acó están os irmáns, os sobriños os curmáns. Aló está o soño. Acó quedou a terra. Aló quizabes choraron os fillos. Acó choraban as nais. "¡Probes nais que os criaron,/ i as que os agardan amorosas, probes!", como dixo Rosalía".

Narracións e poemas de perda e de recuperación, de tristeza e de gozo. A epopea dun pobo forzado a abandonar as súas terras e os sentimentos persoais cos que cada un dos nosos desterrados afrontou as súas desesperacións, a súa amargura ou a madurez da súa resignación.