El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

cancela aberta

XOSÉ NEIRA VILAS ESCRITOR

A 'galega' Nora Longhini

12.07.2009 
A- A+

Coñecina hai dez anos. Veu a Gres. Sabía dalgúns libros meus e falamos a treu. Traía un propósito: escribir un ensaio sobre as miñas novelas Camiño bretemoso'e Remuiño de sombras e o libro de contos Historias de emigrantes. Pediume información complementaria: como xurdiran cada un deles, cando os escribira, etc. Meses despois mandoume copia do traballo. O orixinal envioullo a Díaz Pardo. O ano 2003 saíu publicado en Ediciós do Castro co título de Buenos Aires na obra de Neira Vilas. Escribe un galego impecable, que deprendeu de súa nai emigrante, oriúnda de Cabanas, e perfeccionouno en cursos en Buenos Aires.

Nora vén de xubilarse como profesora de Letras e investigadora da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade arxentina de Lomas de Zamora. Dende hai algúns anos dedícase a estudar a literatura galega, algo así como se dese xeito voltase á súa "patria anterior".

Viña teimando (tras ler en hemerotecas a prensa galega de Buenos Aires) na publicacón de contos que eu dera a coñecer nesas revistas a semanarios hai medio século. De entrada negueime. Díxenlle que iso pertencía á miña prehistoria de escritor. Pero tanto insistiu (estivo en Gres dúas ou tres veces máis) que na derradeira accedín. Escolleu corenta narracións. Nas súas visitas veu con gravadora, fíxome moitas preguntas e deulle feitío a unha entrevista de 70 páxinas que incluíu no mesmo traballo, xunto cunha rigorosa análise dos meus contos, inseríndoos na sociedade galega de entón e nas influencias posibles de autores arxentinos. Organizou un libro que publicaría Galaxia co título de Neira Vilas, os anos da Arxentina.

Nora Longhini é nosa. É unha galega máis. Coñece a nosa literatura e a nosa historia. Ama este país. Galicia debería ter unha consideración especial coas persoas que, coma ela, ennobrecen e divulgan a cultura de Galicia a miles de quilómetros do noso territorio.