El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ tribuna libre }

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS

Yoram Kaniuk, ‘1984’

27.11.2012 
A- A+

Nestas datas nas que os trebóns da guerra entre Israel e o pobo palestino están estourando de novo e provocando centos de mortos, cómpre volver a ler a Yoram Kaniuk, un dos grandes escritores israelís, seguramente o menos convencional, para comprender máis unha vez o desatino e as aberracións da guerra, de todas as guerras, sobre todo daquelas nas que a inconsciencia e o falso patriotismo poden facer pensar que morrer en plena xuventude acaroa unha aura gloriosa. É o que reflicte a novela autobiográfica, 1948, de Yoram Kaniuk editada recentemente por Libros del Asteroide. Kaniuk é un xudeu atípico -xudeu de nacionalidade mais non de relixión-, un sabra nacido en 1930 na Palestina ocupada polos ingleses e descendente de xudeus askenazíes emigrados de Europa. Con dezasete anos formou parte do Palmaj, unha forza paramilitar de choque coa que participou na guerra árabe-israelí de 1948.

Rescatando as súas lembranzas e con grande autoridade moral (Kaniuk nunca foi un antisemita), escribe esta novela que nos achega as memorias dun mozo que participou naquela guerra, pero ser ter claro se coma xudeus necesitaban un Estado. El o que procuraba era dar un fogar aos miles de xudeus que deambulaban por todo o mundo. Na novela-biografía mestúranse memoria, imaxinación e o paso do tempo. O fío condutor é o desenvolvemento da guerra, as inxustizas e crueldades, a covardía tanto de árabes como dos mandos xudeus, mais sen esquecer a heroicidade doutros moitos e o fanatismo dos xudeus ortodoxos. 1948 é pois o constante paradoxo do xudeu capaz de entender as dúas caras da moeda, que non acepta os mitos fundacionais do Estado israelí nin os da súa relixión. Kaniuk comprende os que ocuparon a terra palestina, superviventes na súa meirande parte do Holocausto, pero non se sente empurrado por ningún imperativo categórico inescusable a conquistar un Estado para acoller a estas vítimas botando os árabes das súas casas e terras. O ano de 1948 é unha data execrable porque neses días estourou unha guerra que aínda non rematou e que continúa provocando unha boa parte dos conflitos que arrasan os mundo e miles de mortos. Nese ano -e esta é a liña argumental que está por debaixo na novela do sabra Kaniuk-, comezou a se aliviar unha traxedia, a do pobo que sufriu o maior xenocidio da historia, mentres nacía outra, con millóns de refuxiados e incontables mortos. Velaí pois o absurdo da guerra.

Crítico literario

Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...