Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

1º de maio, caída do salario e igualdade

    Este Día Internacional da Clase Traballadora está marcado pola superación do covid-19 (será real vendo o que está sucedendo en China?) e polos atrancos que este provocou por mor da globalización económica. Ao que se lle sumou, por se non abondase, a guerra entre Rusia e Ucraína (+OTAN) as sucesivas sancións e a demonización de Moscova, e a intervención indirecta no conflito armado por parte de Estados Unidos e da Unión Europea máis aliados. Como consecuencia, cando se esperaba un forte crecemento do PIB e do emprego, por un efecto rebote, o medre da inflación é un dos máis graves problemas que enfrontan as empresas, mais sobre todo as clases populares, xa que implica perda de poder adquisitivo en produtos tan esenciais como é a enerxía, alimentos. O que reforza a a desigualdade social que se viña fortalecendo nos derradeiros anos.

    Aínda que a inflación se modere algo nos vindeiros meses as expectativas non son boas, máxime cando o efecto bumerang das sancións contra Rusia non deixa de medrar. Por exemplo no mes de marzo a porcentaxe inter-anual do IPC elevouse até o 10,5% na Galiza, e as causas que alentan a subida seguen presentes. Como as derivadas das secuelas da pandemia e as producidas pola guerra na Ucraína, e sobre todo as hipotecas dun sistema económico e social globalizado e neoliberal ao estremo, onde calquera atranco na mobilidade e conflito causa desabastecemento mundial. Porén, o máis preocupante é que non se busca corrixir senón que se mantén a toda costa o modelo, realizándolle reformas cosméticas ou incorporando avances técnicos que non condicionan no esencial o sistema de produción, os hábitos de vida, a cuestión da desigualdade,... nun mundo onde natureza, demografía, recursos e mobilidade son desafíos que non se poden ignorar.

    Nesta liña de cambios, que non cuestionan a concentración e centralización da riqueza e do poder, a Unión Europea e o Governo central, coa complicidade da Xunta de Galiza, pretende máis unha vez que os custes sexan absorbidos pola clase traballadora (salarios), autónomos/as e pequenos empresarios. Consolidando e mesmo ampliando deste xeito os lucros das grandes empresas e fortunas, malia que perante a pandemia do covid-19 acadaron beneficios extraordinarios. A esta estratexia, coa escusa de manter a competitividade, o consumo e o emprego, sumáselle a eterna teima da dereita de reducir os servizos e prestacións esenciais (como as pensións), neste caso co extra de cumprir os compromisos de déficit fiscal con Bruxelas. E, para consolidar este recuar en termo de dereitos laborais e sociais, coa menor protesta na rúa, xa se escoitan voces no Governo respecto dun novo pacto social coas centrais sindicais sistémicas e a patronal. Outorgando a cambio algún avance parcial? no salario mínimo?...

    Evidentemente existe outro camiño para superar a crise, que pasa no económico por terminar co fraude e a enxeñaría fiscal (consentida tendo en conta os avanzados mecanismos de control), e aumentar a presión impositiva sobre os os excesivos beneficios tanto de empresas como de persoas físicas (até o FMI xa fala abertamente do tema no seu último informe). E porque non a nacionalización dos sectores básicos, esenciais, hoxe centros de especulación. Non se pode obviar que, por exemplo, os lucros das empresas eléctricas e da banca foron escandalosos perante e posteriormente á pandemia.

    Tampouco é admisíbel que se aumente o gasto militar até o 2% do PIB, uns 7 mil millóns máis de euros ao ano, coa escusa da guerra entre Rusia e a Ucraína (+OTAN), cando o lóxico é apostar pola paz buscando saídas negociadas. Non hai outra saída. Non é de recibo que Rusia invada Ucraína, porén tampouco que esta última bombardease constantemente o Dombass (causando 13.000 mortos) e non cumprise os compromisos de Minsk. Tamén é asumíbel que a Ucraína non forme parte da OTAN. Non é o mesmo que pide Estados Unidos as Illas Salomón respecto de China? Foi Washington o primeiro en poñer vetos, concretamente á instalación de armas nucleares soviéticas en Cuba. Acaso existe unha dobre vara de medir?

    Neste 1º de maio escoitaranse na Galiza, como na maior parte do mundo, consignas nas rúas a prol de salarios xustos e do emprego, de servizos e prestacións dignas, contra o peche de empresas e a redución de cadros de persoal (naval, aluminio, etc). Mais tamén esixindo a paz, a igualdade de trato entre nacións para alén do seu poder. Deixando en evidencia que o local e universal están intimamente unidos, así como o presente e o futuro. O mundo, na riqueza da súa diversidade, tamén cultural e lingüística, é cada vez máis limitado, daquela a importancia de que se xestione con sentido, con respecto, dando prioridade ao dialogo, á solidariedade, a un uso racional dos recursos.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    27 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito