Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

25 anos de doutorado

    Como diría Ramón Otero Pedrayo pero sen aquela solemnidade barroca que o caracterizaba, eu podería afirmar que coa miña tese de doutoramento, agora hai vinte e cinco anos, establecín definitivamente o meu compromiso con Galicia, coa súa lingua e mais coa súa literatura.

    Presentada a documentación, a conformidade dos membros do tribunal e os exemplares esixidos, no negociado correspondente decatáronse que faltaba un papel: o certificado de suficiencia investigadora emitido pola xunta do departamento, documento de cuxa existencia eu non tiña a máis remota idea. Precisaba como fose tal papel e fun na procura da directora do departamento, a profesora Anna Maria Mussons, que daquela asistía á defensa da tese que presentaba Laura Borràs, a actual presidenta do Parlament de Catalunya. Rematado o acto e coñecedora da situación, subín coa doutora Mussons ao departamento e sen máis protocolos, asinou o certificado, á espera da súa conformidade formal na seguinte reunión da xunta.

    Xa co papel na man, volvín ao negociado de teses e entregueino pero o trámite a seguir impedía a defensa no día previsto. Fixada unha nova data, tiven que facer unha rolda entre os membros do tribunal para ver se podían aceptar o cambio. Afortunadamente, non houbo máis atrancos, sendo o sinalado o último dun rosario deles, algúns previsibles e outros non tanto.

    O primeiro foi ter que xustificar o inicio do traballo de investigación e establecer un prazo para que a sección de filoloxías galega e portuguesa non perdese a posibilidade de dotar unha praza docente. A razón non era outra que a demora de certo profesor con apelidos moi comúns pero que atende (incluso por contrato) a un alias correspondente ao nome da súa vila natal. Demora que xa me fora advertida en quinto de carreira por unha compañeira, hoxe profesora na UAB, co comentario “ti aínda rematarás a tese antes que C.”.

    Rogado por quen sería o meu director de tese e amigo por moitos anos, Basilio Losada, e pola súa filla, a profesora titular de literatura portuguesa Elena Losada, por ben da sección sacrifiquei o curso de descanso que pensaba darme unha vez obtida a licenciatura (en cinco anos, cun so exame en setembro). Estudiei a carreira en horario de tardes por traballar de nove a seis. Amais, eu tiña unha familia e as tarefas domésticas e combinaba todo iso coa miña actividade política e sindical.

    Un segundo atranco foi a imposibilidade de acceder a unha bolsa da universidade porque eu traballaba nunha empresa pública. Absurda incompatibilidade porque uns anos despois tal empresa foi vendida a unha multinacional. Así pois, tiven que encarar con cargo ao meu peto os gastos inherentes á investigación, polo cal pedín un creto bancario que puiden devolver en boa parte grazas aos meus traballos en prensa, concretamente no desaparecido Galicia Hoxe. Gastos que incluían non só libros a mercar, computador a arranxar, copias de documentos, os volumes para o tribunal e o arquivo da universidade, senón tamén un permiso dun mes sen soldo no meu traballo para investigar en Galicia polo menos quince días e, como remate, o tradicional xantar aos membros do tribunal.

    Teño que recoñecer que malia partir un pouco a cegas, nos días que estiven en Ourense, Pontevedra e Vigo tiven moitas facilidades tanto por persoas coñecidas como por aquelas outras ás que consultei por primeira vez. Quero salientar entre os ourensáns: Ánxeles Fernández, da Biblioteca da Deputación Provincial, que me presentou a Pepe Bouzas; Marcos Valcárcel; e Afonso Vázquez-Monxardín. Dos pontevedreses, Xosé María Filgueira Valverde e ao persoal do Museo de Pontevedra. E dos vigueses, Francisco Fernández del Riego (que me abriu o espolio de Ramón Otero Pedrayo), Marian Vidal (da Biblioteca-Fundación Penzol), Carlos Casares (que me deixou copia das cartas de Risco a Losada Diéguez).

    E naquel día de comezos de xullo, ás dez da mañá e na soidade dun edificio baleiro polas vacacións escolásticas, encarei a defensa. Presidía o tribunal o profesor e amigo Xesús Alonso Montero, e del tiña que fiar a opinión que dese aos restantes membros, profesores que eu coñecía pero que non estaban totalmente afeitos co temática da tese: os textos autobiográficos dos homes do grupo Nós. Era a primeira tese sobre filoloxía galega presentada en catalán e as preguntas feitas polo tribunal non me puxeron en especiais problemas. A cualificación foi a máis alta posible e celebrámolo como se merecía no xa desaparecido restaurante Senyor Parellada.

    Malia tal circunstancia e malia o meu labor investigador posterior, semella como se eu nunca tivese pasado por aquelas aulas onde estudei linguas e literaturas galega e portuguesa. Nunca recibín unha invitación para participar nun acto na universidade. Tanto me ten, a verdade. Xa sinalei hai anos que contra a mediocridade nada se pode facer, salvo mercar o edificio onde naceron Risco e Otero Pedrayo se a túa muller ten moitos cartos.

    Joaquim Ventura

    09 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito