Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A capitalidade: privilexios ou liberdade?

    Ficamos nunha situación complexa, ou sexa nunha conxuntura histórica ateigada de contradicións, na que a pandemia, a ruptura do equilibrio do ser humano coa natureza, o esgotamento do sistema capitalista, a confrontación pola hexemonía entre potencias, son os grandes retos que a humanidade debe superar. É verdade que a desfeita climática e as guerras danse en paralelo con grandes avances científicos e técnicos, que permitiron que certos aspectos da vida houbese un inmenso paso adiante, mais a tendencia dominante alenta a desigualdade e precariedade, a violencia e o intervencionismo.

    Necesitamos dunha nova etapa da ilustración, e non axuda neste aspecto o reducir o relato e o debate ao inmediato, ao tacticismo, a illar o concreto e local do estratéxico e xeral. Mesmo en temas que se fala do futuro do planeta, como a economía verde, a visión que se divulga redúcese polo xeral ao enerxético e alimentar, como se o demográfico, a mobilidade, o amoreamento urbano, a ordenación do territorio, non tivesen igual ou máis valor. Esquecese como incide negativamente a economía de escala, non só pola mobilidade de bens e polo turismo de masas, senón tamén con respecto á deslocalización industrial a super especialización agrícola,...

    Ademais, as medidas reducidas ao enerxético para rebaixar o consumo medio non terán resultados positivos senón se detén ou crecemento de demográfico, equilibra o reparto da povoación. Non se pode obviar que uns países están superpovados e outros ven como a natalidade está a mínimos. Son eivas que non se resolveron coa migración forzada, que sempre é unha traxedia, cómpre planificación, respectar a soberanía dos países, e un desenvolvemento universal e solidario.

    Estas reflexións sobre a conxuntura e os escenarios futuros da humanidade podemos e debemos facelas tamén respecto da nación galega, así como do papel que cumprimos no Estado español e na Unión Europea, xa que atinxen moi directamente a nosa evolución actual e futura. E sobre todo implica realizar cambios que fortalecen a xustiza e solidariedade nas relacións entre territorios. Neste sentido é de interese a reflexión que o Presidente da Generalitat Valenciá fixo respecto da necesidade de desenvolver políticas equilibradas en materia distributiva no Estado español. Ximo Puig facía unha referencia concreta aos privilexios da capital do Estado español. Dicía: “Madrid acolle a 150.574 empregados do sector público estatal, case que 1/3 do total (...) Nove de cada 10 contratos xestiónanse en Madrid e preto dun 60% das adxudicacións fanse a empresas radicadas na capital. As rebaixas fiscais para as rendas altas grazas ás vantaxes da capitalidade suman 4.453 millóns de euros ano, un dunping fiscal”. A estes agravios Díaz Ayuso chámalle capacidade de xestión, liberdade.

    As denuncias e esixencias de Ximo Puig son as mesmas que poden e deben facer o resto das autonomías que teñen un papel secundario na cadea de valor (e emigración da súa mocidade por falta de oferta de emprego), como consecuencia de cumprir un papel subalterno tamén na estrutura das institucións. Ademais, na Galiza hai que lembrar os atrancos políticos que se deben superar para construír as vías de aceso ao mercado do Estado e europeo, así como co noso país veciño e irmán Portugal, e como se prima aquelas que remarcan o carácter periférico respecto de Madrid.

    O efecto capitalidade tamén é valido para Cataluña e Euskadi que, aínda que contan con governos nacionalistas o que lles dá maior capacidade de negociación, tamén foron perdendo peso no PIB e demográfico en relación con Madrid, malia que esta última está localizada nunha meseta e lonxe das vías marítimas. Porén, como di Ximo Puig: a capitalidade pesa. Primeiro, porque condicionou a rede de estradas, vías de ferrocarril e aéreas. Segundo, porque ali residen non só unha gran parte dos organismos institucionais, senón a sede central das empresas, equipas de investigación e dirección, pago centralizado de impostos. Porque non trasladar certas institucións a outras autonomías, descentralizando o aparello do Estado? Porque as empresas non pagan impostos na nacionalidade ou rexión onde venden como está a propoñer a OCDE respecto das corporacións internacionais?

    Que sucederá respecto do reparto territorial cos fondos europeos, que son esenciais para reconstruír a economía? Como se distribuirán os recursos que vai xestionar directamente o Governo central en áreas en exclusiva como a industria? Para avanzar non abonda só co esforzo e ter proxectos, aínda que ambos sexan esenciais, ademais cómpre contar coa forza necesaria e un contexto apropiado. E sobre todo, saber distinguir entre asociación e dependencia, máxime cando ambas se mesturan interesadamente. É imposíbel avanzar solidamente sen diferenciar o principal do secundario.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    06 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito