Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 01 diciembre 2020
13:51
h

A casa das liortas

    ONDE están as pezas, os “eu acuso”, analizando o lío perenne que axita a vida da Confederación de Empresarios de Galicia? Que sobre-colledores artigos escribirían algunhas plumas se, na vez dos empresarios, fose un sindicato, ou certos partidos políticos?

    Que a CEG leve tres anos sen presidente. Que teña todas as trazas de que este 24, cando o elixan, aínda non vai ser a vencida. Que durante toda a súa vida fose incapaz de dar un paso a prol de Galiza sumida na discordia... Semella que non ten importancia.

    Poda que a súa propia idiosincrasia sexa a que propicie a súa nefanda andaina. Por iso unha e outra vez, como agora, falan da necesidade de reconstruíla. Pero todos os que o intentaron, fracasaron. Porque a CEG é, como seu nome indica, unha “confederación”, composta por catro federacións provinciais que, cada unha vai non só ao seu aire, senón que defende uns intereses locais e localistas. Galiza nunca existiu como tal na CEG.

    Porque cada federación provincial está composta dun sen número de federacións sectoriais, que tamén fan a guerra pola súa conta e segundo os seus intereses. Que o 99 % das empresas que integran estas organizacións son pemes, e que non están para nada representadas na CEG. Que a maioría das sociedades con proxección non queren saber nada desta organización.

    E que, pola contra, empresas foráneas como Ence ou El Corte Inglés foron quen de cortar o bacallau, ao ser tamén as maiores contribuíntes netas ao seu orzamento. Que sempre estivo supeditada ao PP que púxoo e dispuxo das direccións...

    Non o afirmo eu, senón que son denuncias de diversos candidatos. Como tamén o son as acusacións literais de “pucheirazos, fraudes, traicións, enganos, coaccións, inxerencias, agresións...”. Moitas delas rematadas nos xulgados. Coma os 93 millóns de gastos non xustificados ou o buraco de mil millóns...

    Todo un exemplo de afouteza empresarial e de nulo peso na nosa comunidade aínda que forme parte dos principais organismos e consellos, desde o Económico e Social ao da Emigración.

    20 nov 2020 / 23:28
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito