Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Catedral e os tempos

Por Xerardo Estévez Fernández, Arquitecto

De neno, tiña a Catedral dentro do meu cuarto do Preguntoiro. Chegado o solsticio, ao me ir deitar, e polo efecto da cámara escura, o perfil invertido da torre do Reloxo proxectábase perfectamente sobre a parede do fondo. Aquela ilusión óptica invitábame a soñar e fíxome apreciala cada día máis, porque a nosa catedral era tamén a sombra benéfica que se derramaba sobre a Quintana e nos resgardaba mentres xogabamos naquel gran patio pétreo, fogar das aventuras. Cando chovía, o transepto era unha rúa cuberta pola que cruzabamos da Acibechería ás Pratería, sempre cunha xenuflexión apurada. Eran tempos de liturxias interminables e aromas de incenso e flores que emanaban a través do cortaventos, un templo de grazas e de temor que se agrandaba cando nos falaban dos cans ceibos que a custodiaban pola noite. Ao rodeala polas prazas a admiración acadaba o punto culminante no Obradoiro, ante a fachada cuberta de herbas verdinegras, que daquela non se sabía que eran tan belas como daniñas. Algunhas tardes de domingo, don Fernando Quiroga Palacios, de voz imperiosa e talante bondadoso, compartía farias co meu pai mentres eu corricaba polas galerías do pazo onde o cardeal vivía austeramente. E sempre, o son das badaladas marcando a pauta do tempo.

Logo, no Concello, foi tempo de respecto e diálogo institucional. Como oferente, comparecía perante o Apóstolo en momentos difíciles de España, e desde a alcaldía colaboramos coa Igrexa, en particular con Salvador Domato, para organizar acontecementos como a visita do Papa. Tempos de peregrinación con amigos como Josep Borrell, Javier Solana e Miguel Muñiz, que se fixeron entusiastas divulgadores do Camiño; de acompañar a visitantes ilustres e explicar o monumento, eludindo a iconografía belixerante de Santiago, sobre todo ante os representantes do mundo islámico, cando Compostela fascinaba a directores de teatro, de orquestra e solistas, poetas e actrices, cunha efervescente vida cultural impulsada desde o Consorcio no contexto do programa municipal Compostela 93-99 e que culminou na Capital Cultural Europea do 2000.

Esta etapa da miña evocación catedralicia iníciase en 2015, cando Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago, me propón ser membro da comisión formada pola Consellería de Cultura, o Cabido e a Fundación para o desenvolvemento das actuacións de conservación e restauración do conxunto catedralicio. Foi a oportunidade de ser alumno e lector da súa arquitectónica e urbanística, compartindo con colegas e arquitectos técnicos, historiadores, restauradores, arqueólogos, ambientalistas e especialistas de oficios os saberes da arte, a ciencia e a tecnoloxía ao servizo do patrimonio. E tamén o tempo de investigar, aproveitando a ocasión única da desmontaxe de pezas importantes do conxunto para analizar como foi fabricada porque, ante de intervencións como esta, non é acertado reducirse a narrar a “memoria do pasado”, inmerso moitas veces en capas ocultas no máis profundo dos seus órganos, senón que debemos desentrañar a súa “historia construída” dando un paso más cara á súa comprensión.

Neste tempo de hoxe, un ano xubilar excepcional marcado por un profundo trastorno da vida social, cadra ben a sobriedade que recuperou a catedral nas súas naves, o contraste de Románico, Gótico, Renacemento e Barroco. Sen deixar de ser un santuario de veneración das reliquias de Santiago, é unha sede da beleza sublime, en palabras do arcebispo, templo ecuménico onde conflúen crentes e non crentes, sen diferenza de doutrinas, abducidos polos camiños de descubrimento e esperanza que conflúen na catedral, as prazas e a cidade de Compostela.

17 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.