Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A crise

    AS vacinas non van ser o bálsamo de Fierabrás capaces de curar todos os males, nin os confinamentos poden ser a receita máxica para rematar coa pandeima que nos azouta no corpo e na alma. Son imprescindíbeis pero non chegan. Os gobernantes, os de aquí e os de Madrid, tamén os da UE, deben de atender a situación social e económica cada vez máis dramática.

    Galiza xa se atopaba nunha situación crítica antes da pandemia, nun proceso de deterioro social e de desmantelamento económico, pero a COVID-19 acelerouna e agrandouna.

    A falta de programas axeita-dos de apoio aos sectores máis afectados pola emerxencia sanitaria, vai ter un efecto devastador nos próximos meses. A curto prazo imos asistir ao fechamento de actividade importantes en sectores como a hostalaría e o pequeno comercio, pero tamén as empresas culturais e os clubs deportivos.

    Mesmo se non foren inmediatos, moitos dos negocios que agora continúen abertos non sobrevirán a esta crise e os postos de traballo perdidos serán de moi difícil recuperación. É certo que algunhas das medidas de apoio aos sectores máis afectados poden ter un impacto inicial positivo, mais, en 2021, cando haxa que facer a declaración da renda, e comezar a amortizar o capital principal dos empréstitos ou aboar impostos atrasados, pódense provocar situacións moi difíciles. Estanse aprazando os problemas, pero non se solucionan. Que hai das axudas directas?

    Ao mesmo tempo, podemos constatar como o grande capital, especialmente nos sectores enerxético e bancario, continúan empregando a crise en beneficio propio sen que o Goberno español teña capacidade ou vontade de controlar sequera o impacto social negativo desas empresas sobre os sectores sociais máis vulnerábeis.

    Para exemplo, a suba da enerxía eléctrica e o asalto que supoñen as comisións bancarias que as entidades están a aplicar, por non falar das empresas que están a pechar: Endesa, Siemens-Gamesa, Alu Ibérica, Alcoa...

    Aproveitan a situación e, mentres elas fan e desfán, nós ficamos na casa sen poder dar a necesaria contestación social.

    06 feb 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito