Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A crise do Covid sensibilizou á UE?

    A mesma Unión Europea que liderou a hoxe cuestionada globalización neoliberal, primeiro no seu territorio, e axiña a nivel mundial, obrigando a duros axustes aos estados dor sur, especialmente os ligados á zona euro, para lles outorgar prestamos pola crise do ano 2008, agora critica que aquelas medidas afectaran negativamente o sector sanitario. Esquecendo seu papel neste deterioro bota peito, despois do acordo franco-alemá polo que a Comisión xestionaría un fondo de 500 mil millóns de euros, que se transferirían aos estados tanto para mellorar o sistema sanitario como para recuperar a actividade empresarial. A esta contía hai que lle sumar os 540 mil millóns xa acordados, para aportar liquidez ás empresas, pagar os Ertes e apuntalar o sistema sanitario diante da pandemia.

    Agora ben, aínda falta que se aprobe este aumento nos orzamentos da UE, algo que non será doado dado a oposición dos estados do norte da Unión, como os Países Baixos, Suecia, Finlandia, etc. Por outra banda, tampouco está clara cal será a tramitación, o prazo de execución, o reparto entre países e as condicións para acceder a eles. Tamén falta por coñecer a letra pequena, que non é algo secundario nestes temas, máxime tendo en consideración os antecedentes. A postura de Nadia Calviño diante do acordo con Bildu, que garantía a pronta e total derrogación da reforma laboral, non é unha boa sinal neste aspecto, dado seus lazos coa cúpula da UE e a CEOE e as matizacións incorporadas polo PSOE posteriormente. Tampouco se pode obviar que a contía deste fondo para a reconstrución é tres veces inferior ao solicitado polo Estado español, e está moi por debaixo dos recursos que Estados Unidos e Alemaña xa aprobaron para reflotar esencialmente súas empresas.

    Todo indica que estes recursos non son abondo para reconstruír a economía de todos os estados da UE, o que tería consecuencias negativas nos máis afectados polo covid e unha maior dependencia do turismo. Algúns analistas destacan que este acordo, e a recomposición do eixo franco-alemá, tería como obxectivo potenciar o ciclo produtivo, tecnolóxico e de investigación dentro da UE. A finalidade sería fortalecer a centralidade destas dúas potencias, diante dun escenario internacional no que o proceso de desglobalización que semella imparábel a medio prazo. Esta hipótese daría sentido aos cambios destes días: da postura de Merkel sobre o tema, e de bando por parte de Macron. Esta iniciativa achegaría o circuíto produtivo ao consumo, un aspecto positivo, mais que ficaría eliminado se o proceso alenta unha maior desigualdade no reparto da poder, da riqueza e do traballo entre países e entre clases, que lembremos é a tendencia dominante na UE e en Alemaña.

    Sexan ou non as anteriores as razóns para que Alemaña mudou de postura, todos os países do “sur”, comezando polo Estado español e Italia terminaron por se sumar á proposta franco-alemá, coa finalidade de aprobar esta transferencia de recursos e conseguir un respiro. A cuestión é: será a mellor estratexia? Non sería máis convinte, pensando no futuro e na complexidade da situación internacional e nas contradicións da UE, manter o bloque reivindicativo do sur (Italia, Estado español, Grecia, Portugal,...) e consolidalo?

    En todo caso, o Estado español será dos territorios máis afectados pola caída do turismo exterior, malia que a UE pretenda abrir axiña as fronteiras. A recuperación non será sinxela, especialmente no turismo relacionado coa terceira idade. Porén Galiza non debería ser das máis afectadas, dado que o turismo, tendo importancia nalgunhas cidades e vilas, constitúe unha contribución menor na na hostaleira e sobre todo no consumo. Neste intre, o que sería importante, se temos en consideración o que se sabe da filosofía do acordo franco-alemá, é facer un esforzo especial para potenciar unha economía máis diversificada e ligada á contorna, por seguridade a para rebaixar o carácter subalterno e secundario na cadea de valor. O que implica un pulo á dixitalización e no investimento. E, tendo en consideración as eivas e atrancos experimentados na pandemia, cómpre colocar a centralidade no sector público, como garantía de protección da vida, de recuperación do emprego con xustiza social, de reformas estruturais na mobilidade, e de buscar un equilibrio e unha intima ligazón do rural co urbano.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    23 may 2020 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.