Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A derrota española en Annual

    A ocupación e as guerras en terra marroquí foron, a partires da primeira década do século pasado, unha sangría de mozos galegos, así como do conxunto do Estado, dando lugar a non poucos motíns contra as quintas e desercións, como antes sucedera coa guerra en Cuba. A resposta foi de tal magnitude que en 1914 as desercións atinxían a un 22,09% dos recrutas. O Estado español buscou na expansión en África un substituto aos territorios perdidos en 1898 en América e Asia, na guerra cos Estados Unidos. Aínda que presenza militar no norte de África era antiga, como tamén o foi a portuguesa, tampouco se pode obviar que a Península estivo ocupada perante séculos polas invasións de árabes e bereberes.

    Sen dúbida a relación entre o Estado español e Marrocos neste no último século está moi marcada pola derrota do exército español por tropas bereberes mal armadas que loitaban para rematar coa colonización do seu país. Un triunfo contra a ocupación, que se consolidou nas batallas en Annual e o Monte Arruit, e que converteron en lenda a Abd-el-Krim. Este era o líder do levantamento, e caid (xuíz) dos Beni Urriaguel desde setembro de 1920, cando morreu seu pai.

    O protectorado español no norte de Marrocos abranguía naquela altura 26.000 quilómetros cadrados e 750.000 habitantes, fora cedido, xunto coa zona de Sidi Ifni, unha década antes, logo dun acordo cun troque de territorios en África entre Alemaña, Francia e a Monarquía española. O Rif que formaba parte deste territorio é unha zona montañosa que se estende desde Melilla no leste até a área de Yebala no oeste, e a inmensa maioría da súa poboación é bereber, con todo o que iso implica de cuestión nacional non resolta e discriminación pola maioría arabizada. Un problema aínda hoxe pendente en Marrocos.

    Abd-el-Krim cursou estudos en escolas españolas en dereito, e posteriormente ampliou a súa formación en Fez en teoloxía. Cando retornou foi nomeado asesor da Delegación de Asuntos Indíxenas e, no ano 1914, designado xuíz superior árabe da rexión de Melilla. Asemade desde 1908 traballaba como xornalista dirixindo a sección árabe de El Telegrama del Rif. En 1912 foi nomeado Caballero de Isabel la Católica e condecorado coa Cruz do Mérito Militar con distintivo branco e, un ano despois, recibiu a mesma medalla porén con distintivo vermello, cunha pensión de 50 pesetas. Estamos polo tanto diante dunha persoa formada, que tiña un fondo coñecemento do ocupante, e que pertencía a unha familia con poder e prestixio no Rif. Seu pai, malia que aceptou a ocupación como un feito consumado, por mor da potencia militar dos conquistadores, sempre amosou seu rexeitamento (segundo outras versións foi un colaborador dos ocupantes).

    O exército español, ao mando de Manuel Fernández Silvestre iniciou en 1920 unha ofensiva coa pretensión de ampliar o territorio realmente ocupado, só uns 5.000 quilómetros cadrados. A campaña estaba favorecida pola precariedade causada pola fame de 1918 e a grave seca que se alargou até 1921. Para cumprir este obxectivo Silvestre tiña que acabar coa resistencia bereber, que se centraba na zona de Alhuceima. A campaña consistiu en varias operacións para construír fortíns e dobregar a varias cabilas, como a Beni Ulixek, Beni Said e Tensamán. O centro de operacións fixouse en Annual. A poboación das cabilas variaba entre os 10.000 e 40.000 persoas, sendo a de Beni Urriaguel unha das máis grandes, na zona de Alhuceima.

    A primeiros de maio de 1921 as tropas españolas cruzaron o río Amerkan e construíron un posto no monte Abarrán. No fortín ficaron 50 soldados españois e 200 policías indíxenas, que foron axiña atacados por rebeldes bereberes aos que se lles uniron algúns policías. A toma do posto militar e as 141 baixas causadas nas tropas españolas alentaron a revolta, polo que os seguidores de Abd-el-Krim pasaron de 3.000 a máis de 11.000 en poucos días.

    Silvestre respondeu concentrando as súas tropas en Annual, uns 3.000 soldados españois e 2.000 autóctonos. O 22 de xullo Abd-el-Krim ocupou Igueriben. Ese mesmo día diante do avance de tres columnas, de 2.000 bereberes cada unha, os españois deciden recuar aos fortes de Ben Tieb e Dar-Drius que consideraban máis axeitados para a defensa. O recuar causou que parte dos policías autóctonos pasasen ao inimigo, xerando unha situación de confusión e desorde. En catro horas morreron 2.500 soldados españois aproximadamente, aos que hai que sumar outros 1.500 de varios fortíns e posicións da zona. Foron feitos 942 prisioneiros dos que só sobreviviron 326.

    Despois da dura derrota de Annual as poucas forzas que puideron completar a retirada retrocederon a Dar Drius, e despois cara Barbel e Tistuin, estaban ao mando do xeneral Navarro (segundo no mando; Silvestre morreu nos combates). Na marcha, ao chegar ao río Igan, foxen unha parte dos oficiais causando a desbandada dos soldados. A posición vai ser defendida, para garantir a retirada da tropa, por un rexemento de cabalaría, que terá 471 mortos sobre 691 compoñentes. Tras algúns días de marcha o exército chegou ao Monte Arruit, onde Navarro intentou reagrupar a tropa e esperar reforzos de Melilla, algo imposíbel despois da caída en mans dos bereberes de Nador (moi próxima a Melilla). A resistencia durou até o 9 de agosto no que se pactou a rendición a cambio da vida da tropa. Acordo que non foi cumprido polas forzas bereberes que pasaron a coitelo a todos, polo que de 3.000 soldados só sobreviviron 60. E, mesmo que nunca se pode xustificar unha matanza, resulta evidente que décadas de desprezo e colonialismo deron folgos a esta traxedia. A mediados de agosto os bereberes controlaban toda a zona, agás un pequeno territorio na contorna de Melilla e unha zona máis ampla do oeste que comprendía as cidades de Ceuta, Tetuán e Larache.

    Despois destes trunfos realizouse un Congreso Popular en outono de 1921. O primeiro acordo que adoptaron foi “a proclamación da independencia do país e a constitución dun goberno republicano, presidido por Mohamed Abd-el-Krim, na súa calidade de dirixente da liberación. A creación dunha Asemblea Nacional integrada por representantes das yemaas, cabilas, ciuj e caídes, que serían a autoridade suprema e acordaron fixar o 15 de Moharram de 1340 (18-09-1921) como día da independencia” (Miguel Martin, El Colonialismo Español en Marruecos, Ruedo Ibérico, 1973).

    Anos despois, en 1926, os bereberes serían derrotados polas tropas de ocupación, por tres motivos: a súa división interna por mor da importancia da estrutura tradicional, a fame por falta de alimentos, e a incorporación de Francia á loita contra a revolta (despois de que Abd-el-Krim atacase o protectorado francés). Malia o fracaso da rebelión, esta demostrou que os europeos non eran todopoderosos, con todo o que isto significou para alentar futuras loitas a prol da liberación das potencias europeas, tanto en Marrocos como na rexión.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    01 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito