Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A economía e as ilusións: a favor da industrialización (I)

    CANTO durará, sen información ao xeito, o asunto de Altri en Palas de Rei? As hipóteses que podemos manexar acerca do interese xornalístico nesta etapa pre-proxecto indican case todas que ou ben existe unha escaseza de temas interesantes, e o fácil é espremer unha nova propagandística do goberno, ou ben que a capacidade investigativa ao uso está en horas baixas porque hai tan poucas cousas interesantes nas que se fixar que, cando nace unha ilusión, hai que seguir batendo nela para ver se se dá concitado a súa corporeidade.

    Chamamos pre-proxecto ao asunto Altri porque non se deron aínda as condicións necesarias para que unha empresa en uso das capacidades de que se pode dotar, elabore, e dé a coñecer, un proxecto de investimento con todos os componentes precisos: garantía da disponibilidade de capital (capital diñeiro, capital empresarial de saber facer: técnica disponíbel, forza laboral, infraestrutura de todo tipo e procedencia), informe de impacto medioambiental, así como ter concitado acordo cos socios e colaboradores na medida en que o plan o requerir. Non é preciso citar que unha empresa, esta ou calquer outra, só toma as decisións en base a un estudo de rendibilidade económica, a examinar no prazo medio, no sector de que se trate. E, coñecida esa rendibilidade esperada, toda achega que figure apoiando os investimentos iniciais será moi benvida.

    É dicer, financiamento barato ou subvencionado e mais outras facilidades crean condicións de avantaxe para a empresa á hora de tomar a decisión última de levar a termo o proxecto. Neste caso, o feito de contar con fondos comunitarios (Next Generation) é unha das avantaxes, e o feito de ter acceso aos eucaliptos é básico. Calquer alteración dalgunha destas dúas variábeis pode levar ao traste a ilusión do investimento en Lugo. Por tanto, falar agora de ser favorábeis ou contrarios a Altri en Palas é igual que dicer que somos partidarios de que o Lugo ascenda á primeira división. Somos partidarios, mais de momento este desexo está no mundo das ilusións posíbeis.

    Por esas razóns, é preciso manifestar que non só non temos nada en contra dun futuro investimento na provincia de Lugo senón que temos defendido por activa e por pasiva sermos completamente favorábeis á creación de industrias: en Lugo, en toda Galiza, porque só unha eclosión de novas industrias e o fortalecemento das existentes é garantía dun futuro económico en crecemento, e non en decaída. A industria cumpre os requisitos de ser motor do crecemento económico sostido, de arrastrar economicamente as actividades dos outros sectores produtivos, tanto os produtores de recursos como os da sector servizos vinculados directa e indirectamente á produción.

    A industria fai demanda crecente de forza laboral e constitúe a única actividade económica que se pode vincular coa fixación da poboación e mesmo co seu crecemento. Non hai nengunha outra actividade produtiva capaz de xerar crecemento económico permanente no tempo e á vez crear condicións para o nacemento doutras actividades produtivas (Continuará).

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.