Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A emigración como fracaso

    Cada día temos noticia de centos de persoas que deixaron cadansúa terra na procura dun futuro mellor e que para acadar tal obxectivo, non dubidan en xogarse a vida ao poñerse nas mans das mafias para cruzar o mar en dirección a terras europeas. Esquecemos que moitas veces, cando os emigrantes eran os nosos devanceiros, as condicións non sempre eran mellores.

    Unha condición común aos máis dos emigrantes que na historia houbo foi regresar á terra de orixe unha vez conseguido un certo acougo económico. Sen embargo, éxitos e fracasos non se reparten por igual. Así, moitas veces foron os fillos, nacidos ou criados na terra de destino, os que deveceron por quedar nesta unha vez que se labraron un futuro académico ou laboral. En calquera caso, podemos considerar que aqueles emigrantes que obtiveron a nacionalidade do país de destino queimaron, dalgún xeito, as naves coas que chegaran, á maneira de Cortés.

    Aqueloutros que conservaron a nacionalidade de orixe (no noso caso, a española) nunca tiveron intención de pasar a formar parte do país de acollida. E se se trataba dunha terra hispanoamericana, dalgún xeito exercían moitas veces unha pretendida superioridade, lembranza de vellas conquistas coloniais.

    Pero esa épica da emigración, que en Galicia forma parte inseparable da identidade colectiva, esqueceu moitas veces os moitos fracasos que padeceron os transterrados. Tal vez por iso, foron esquecidos autores como Xosé Lesta Meis, que puñan o dedo na chaga por tantos galegos que despois da aventura cubana, regresados á terra natal grazas á beneficencia.

    Peor panorama é o daqueles que tiveron que padecer unha dobre, ou aínda tripla, emigración.

    Refírome a españois que despois de emigrar a América tiveron que facelo –eles ou os seus descendentes- coma emigrantes porque a terra de destino xa non lles daba oportunidades. E fágoo extensible a unha terceira migración cando a terra de regreso tampouco era aquel paraíso de cans ligados con salchichas.

    Coñecín un caso que, sospeito, podería tratarse dunha desas triplas migracións. Souben del por circunstancias inesperadas. Un home duns cincuenta anos e mais a súa nai, de nacionalidade española, alugaran un piso propiedade da miña nai. Despois de dous anos, días antes do andazo da covid19, comunicaron ao administrador que xestionaba o aluguer que deixaban o piso porque “regresaban ao seu país”. Ante a imposibilidade de viaxar, seguiron a vivir no piso pero sen abonar os importes correspondentes ao aluguer. A finais do ano pasado deixaron o piso sen dar máis noticia que a devolución das chaves mediante terceira persoa.

    Unha vez recuperada a posesión do piso, a primeira revisión destapou diversas modificacións feitas sen permiso pero sen que supuxesen estragos graves. Entre os poucos obxectos que deixaron había unha chea de billetes de bolívares venezolanos que xa carecerían de calquera valor cando chegaron a España. O indicio de que aquela parella de fillo e nai españois residiran en Venezuela quedou confirmada cando nun recuncho dun caixón atopamos esquecidos diversos documentos da segunda.

    Tratábase de documentos de nula utilidade en España e tal vez igual en Venezuela, visto o tempo pasado. A muller tiña orixes canarias segundo a cédula de identidade de estranxeiro emitida ao seu nome en Maiquetia o 25 de xullo de 1952. Daquela xa figuraba como casada. A súa filiación recollía os nomes do seu pai e da súa nai, e Candelaria (Tenerife) como lugar de nacemento en 1926. De profesión, a lar, e era descrita como de pel branca, ollos pardos, cabelo castaño, 1,63 de altura, e con competencia para ler e escribir. A cédula recollía tamén que o seu pasaporte fora expedido en 1951 polo goberno civil de Tenerife e, finalmente, un cambio de domicilio en 1956. Deste documento saltamos á acreditación de beneficiaria da “Hermandad Gallega de Venezuela” (1972) como esposa dun asociado, diversas cédulas de identidade, de centros comerciais e de asistencia sanitaria.

    Non hai mes que non chegue unha reclamación de débedas, que se engaden aos meses de aluguer que non pagaron. Que foi deles? Ignóroo pero sospeito que ante a imposibilidade de vivir en España, fixeron un “colle os cartos e corre” cos importes dos créditos pedidos (e non pagados) e regresaron a Venezuela. Mágoa desas vidas a salto de mata e sen terra de acougo.

    Joaquim Ventura

    23 sep 2021 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito