Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A escravitude dos ventres de alugueiro

    ABRIUSE a caixa de Pandora, a caverna de Platón, a porta do conto dos “Sete cabuxiños” pola que o lobo amosaba a súa patiña branca por fóra e negra por dentro, pola que estes domingo e luns se coaron os “monstros” dos peores pesadelos da infancia.

    Malia todo, para quenes somos de natureza optimista, a humanidade volverá de seguro á senda da evolución. Para quenes temos asemade condición feminista, o movemento de loita pola Igualdade de mulleres e homes seguirá a axudar a esta evolución positiva. Atrás quedarán as recentes críticas –que quizais algo de razón teñan– por centrar o debate só sobre algúns asuntos que a sociedade non entende importantes, como a escravitude dos ventres de alugueiro, eufemisticamente chamados xestación subrogada ou por substitución.

    Escravitude. Len vostedes ben. Escravitude. Ese sometemento dunha persoa a outra, esa propiedade e posesión que unha persoa exerce sobre outra, puidendo dispoñer do seu destino. En definitiva, esa ausencia do dereito fundamental á liberdade que, supostamente, está abolida desde a Convención de Xenebra do ano 1926.

    Supostamente porque hai escasos días, a sala 1ª do Tribunal Supremo ditaba unha sentenza, na que, indirectamente, falaba da escravitude das mulleres con motivo dunha demanda para o recoñecemento da filiación materna a través dun ventre de alugueiro.

    Abro comiñas:

    “A xestante substituta someterase a exames médicos, análise de sangue e outras probas psicolóxicas segundo o determine a futura nai para que o médico determine se é apta para o procedemento de fecundación in vitro”.

    “As instrucións e recomendacións médicas poden incluír (...) prolongada abstinencia de relacións sexuais”.

    “A xestante substituta non poderá saír de México durante a vixencia do presente acordo, a partires da confirmación do embarazo non poderá saír da cidade onde reside nin realizar un cambio de domicilio, a partires da semana trinta de xestación non se poderá alonxar a máis de cincuenta millas do hospital elixido para o nacemento e no sexto mes de embarazo deberá cambiar o seu domicilio á cidade de Tabasco”.

    “A xestante substituta libera á futura nai de calquera responsabilidade civil ou penal que derive dos riscos asociados ao proceso de xestación substituta, tales como a morte, a perda dun órgano reprodutor, depresión ou problemas de fertilidade no futuro”.

    “No caso de que a xestante substituta sufrise calquera enfermidade ou lesión potencialmente mortal (como por exemplo, morte cerebral), a futura nai ten o dereito a mantela con vida cun soporte vital médico, co obxectivo de salvar ao feto ata que o médico determine que está listo para o nacemento”.

    E pecho comiñas, co corazón encollido.

    Alédome de que o Tribunal Supremo afirme que os ventres de alugueiro vulneran gravemente os dereitos fundamentais recoñecidos na Constitución e nos convenios internacionais sobre os dereitos humanos e que diga con claridade que a demanda é manifestamente contraria ao ordenamento xurídico español. Alédome de que, confirmando outra sentenza de 2013, xere xurisprudencia. En fin, sobre todo, alédome de que se sume á evolución e poña algo de límite a eses monstros que nos axexan cando negan ou trabucan a violencia machista.

    19 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.