Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A escrita automática, dúbidas e certezas

HAI uns días, neste mesmo xornal o profesor Senén Barro publicaba un artigo sobre a creatividade en homenaxe a Domingo Villar. Comezaba cun longo parágrafo do escritor acabado de falecer, que lin con gusto pero tamén co fondo pesar que me producira o seu pasamento. A sorpresa chegoume de súpeto cando o autor do artigo nos aclaraba que eran só as primeiras liñas as que escribira Villar, xa que o resto dese texto o creara un complexo ordenador especialmente preparado para este fin.

Sabía que a intelixencia artificial (IA) era quen de redactar comunicados e producir informes dunha certa entidade, pero non que tiña unhas capacidades semellantes ás dun escritor consagrado. O artigo situoume na realidade última da IA, e diante dela comezaron a xurdirme inquietantes preguntas: É a creación literaria un proceso mecánico e cunha certa lóxica interna que un ordenador ben adestrado sempre terá capacidade de simular? Poden estes trebellos chegar a xerar emocións, como as que lle son propias á poesía e establecer a empatía e complicidade que toda boa obra escrita debe establecer co lector?

Á primera pregunta podería responderse que parcialmente si, pois xa se ten adiantado moito no coñecemento da estrutura dos relatos que, segundo estes estudos, se compoñen de modelos, elementos, ambientes e recursos que se repiten unha e outra vez con certas variacións desde que a escrita imaxinativa existe. En consecuencia, unha sofisticada máquina debidamente preparada podería chegar a reproducilos cunha certa seguridade. Fica, non obstante, a razoable dúbida de se este mimetismo mecánico sería quen de crear metáforas, dobres sentidos e ironías ou, sobre todo, captar o “xenio” que distingue os verdadeiros escritores cos xiros, sorpresas e novas olladas que caracterizaron sempre a xenialidade e a afastaron da mediocridade dominante. Felizmente, aínda semella que está moi lonxe dos logros da IA, algo que o propio Senén Barro recoñecía no artigo citado sobre Domingo Villar, ao concluír que as máquinas poderán concibir relatos, “pero nunca coma ti”.

Os ordenadores tamén están a escribir poesía, pero os resultados, ao meu ver, aínda están moi lonxe de ser medianamente satisfactorios. Poderán crear poemas perfectos na súa métrica pero a emoción, intimidade, profundidade ou complicidade que deberían transmitirlle ao lector permanece reducida a réplicas máis ou menos acertadas dos auténticos artistas e que deixan o regusto do xa visto e coñecido. O ser humano co seu misterio, intimidade e singulariade ficaría sempre neles coma esvaído e deturpado.

Ramón López de Mántaras, un dos máis recoñecidos especialistas españois en IA, nunha conversa precisamente con Domingo Villar, mantida en aberto no CIQIUS da USC o ano pasado, lembrábanos unha das diferenzas fundamentais entre a creatividade artística das máquinas e a dos seres humanos: a capacidade destes últimos para “romper regras” e crear auténticas novidades culturais que poden rachar co canon cultural establecido. Segundo o seu parecer, a IA nunca sería quen de crear o atonalismo de Schönberg ou o cubismo de Picasso e mesmo, engadiría eu, o realismo máxico de Cunqueiro.

Certamente, a IA supón xa unha inestimable axuda en determinadas escritas, utilizadas hoxe en día cada vez con máis asiduidade por empresas e administracións, e que en non moito tempo será accesible nos móbiles para a poboación en xeral. Nese momento os meus atávicos receos diante dese máis que evidente adianto, acadarían a súa máxima expresión ao decatarme de que ao empobrecemento da linguaxe que xa promoven (chao, ok, finde, etc.) se lle engadiría, con seguridade, a preguiza para escribir textos que unha maquina dócil e accesible faría con máis facilidade e rapidez.

Agardo, non obstante, que daquela esta práctica da escrita persoal, tan formativa e enriquecedora, teña o engado e a forza suficientes como para conter esta marea de présas e automatismos que hoxe semella que nos invaden e poidamos de novo volver mostrarnos como seres pensantes e libres que poden perder o tempo en comunicarse pracenteiramente pola escrita cos seus semellantes.

25 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito