Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A estrela de Belén

    A estrela de Belén non era a máis grande, a máis rápida nin a máis intelixente do seu tempo pero tiña os ollos moi abertos. Igual que agora, non aparecía en ningún mapa de astronomía, pero era intuitiva e miraba todo ao que tiña ao seu ao redor sen medo.

    A proposta que lle fixeron para iluminar o nacemento dun neno en Belén era un tanto estraña, pero aceptou o reto sen dubidalo. A ela este tipo de cousas íanlle, pois era valente e atrevida. Prefería mil veces correr unha aventura, asumindo os riscos que conlevara, que seguir cruzada de brazos aburrida no medio do universo.

    O neno –ao que tiña que guiar a unhas poucas persoas para que deran con el– non sabía quen era. Pola información que recibiu del cando lle encomendaron a súa misión, non debía ser demasiado importante; pois seus pais eran pobres, non foron quen de alugar unha habitación e tiveron que conformarse con que nacera nunha gruta.

    As condicións para guiar aos convidados á cova eran bastante complicadas, pero iso divertíalle. Aínda que tiña que convocar a moi poucos, debía sinalarlles a ruta iluminándoos só a eles, sen que se decatara ninguén máis. Cos pastores, como eran da zona, foi doado; pero cos reis, que viñan de moi lonxe, foi unha tolemia.

    Ao ver anxos cantando e adorando ao neno na gruta, fíxolle caer na conta que debía ser alguén moi grande. Por fin unha pista! –pensou–. Pero ao recibir o encargo de axudar á familia do neno para fuxir a Exipto, volveu sentirse perplexa.

    Unha vez rematada a misión, felicitaron á estrela, ofrecéndolle darlle o que pedira. Como quedou prendada do neno, non elixiu ser a máis grande, rápida ou intelixente senón poder seguir vendo ao neno dende enriba. E todo o que veu durante os anos seguintes, deixouna atónita.

    O neno curaba á xente e facía cousas prodixiosas, como calmar unha tormenta ou multiplicar pans. Quería a todos sen distinción e dicía cousas xamais contadas. O poder que tiña era ilimitado, pero utilizábao só para os demais, incluso no momento que lle deran morte.

    Nunca vin algo igual –díxose a estrela a si mesma–: de sabelo antes, non fora quen de levar a cabo o que fixen hai trinta anos.

    Aínda que a estrela non era experta en humanidade, sorprendeulle sobre maneira que os homes non foran máis receptivos a esta nova mensaxe. Eu non sei destas cousas, pensaba, pero ninguén dixo e fixo cousas tan marabillosas coma el. Recoñecer a cada ser humano como un irmán ou unha irmá e buscar unha amizade social con todos, como di o papa Francisco, parece unha utopía inxenua, pero non podemos renunciar a este altísimo obxectivo. Para a estrela esta meta, aínda que pareza imposible, esconde o segredo da felicidade.

    18 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito